Ir o contido principal

A Universidade ofrecerá aos seus titulados 78 bolsas de prácticas profesionais en Europa ata o 2015 no Europracticum VII

Este programa de mobilidade conta cunha subvención de 340.000 euros e contempla estadías remuneradas durante 24 semanas en empresas e entidades da Unión Europea

A Universidade de Santiago de Compostela ofrecerá aos seus titulados 78 bolsas de prácticas profesionais en 42 empresas e entidades públicas e privadas dos países integrados na Unión Europea a través do Europracticum, o nome que recibe o Programa Leonardo da Vinci na institución académica compostelá desde a súa implantación no ano 2001 e que nesta sétima edición conta cunha subvención de máis de 340.000 euros.

A proposta presentada pola Área de Orientación e Inserción Laboral do campus de Lugo, en colaboración coa Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC e o Consello Social da USC, á convocatoria do Programa Leonardo da Vinci 2013 mereceu todos os parabéns por parte da dirección do Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos, que logo de cualificar con 80,5 puntos sobre 100 un máximo de 100 o proxecto da USC, acordou tamén financiar o 100% das 78 bolsas de prácticas solicitadas ao abeiro do Europracticum VII, que estará vixente durante o bienio 2013-2015. Esta nova edición do Programa Leonardo da Vinci da Universidade de Santiago está aberta á participación de titulados na institución académica compostelá entre os anos 2007 e 2013, ambos inclusive, e como novidade, neste nova convocatoria tamén se admitirán as solicitudes daquelas persoas tituladas noutras universidades que durante este período de referencia completaran un máster ou posgrado na institución académica compostelá. A duración das bolsas de prácticas profesionais do Europracticum VII será de 24 semanas e os bolseiros percibirán unha retribución cuxa contía varía en función do país de acollida. Todas as prácticas de traballo profesional ofertadas a través deste programa europeo están directamente relacionadas coa titulación cursada por cada bolseiro. Asemade, os candidatos que desexen ser admitidos no Programa Leonardo da Vinci non poden ter máis dun ano de experiencia laboral en calquera actividade profesional relacionada coa súa titulación. A Universidade de Santiago de Compostela, que desenvolverá este programa europeo de mobilidade e inserción laboral no bienio 2013-2015, prevé abrir ao longo do mes de outubro o prazo para a solicitude de bolsas de prácticas profesionais ao abeiro do Europracticum VII, segundo adiantou a técnico responsable da Área de Orientación e Inserción Laboral do campus de Lugo, Gloria Cruz Amil, que tamén xestiona o Programa Leonardo da Vinci na Universidade de Santiago. Cruz Amil salientou que o proxecto Europracticum VII da USC nace inicialmente con 42 empresas, entidades e institucións que actuarán como socios de acollida dos titulados da Universidade de Santiago de Compostela en distintos países da Unión Europea. Este número de receptores nos que os titulados da USC poderán completar as súas estadías profesionais aumentará previsiblemente conforme se desenvolva esta nova edición do proxecto Leonardo da Vinci da USC. A técnico responsable de Área de Orientación e Inserción Laboral do campus de Lugo afirma que o Europracticum supón unha “moi boa oportunidade de inserción laboral para os titulados da USC”, tal e como apuntan as estatísticas computadas na pasada edición deste programa, no que participaron 44 bolseiros, dos que máis dun 60% recibiron propostas de traballo para prolongar a súa relación laboral nas empresas ou entidades nas que desenvolveron as súas prácticas. Nesta situación atópanse compañías empresariais e institucións públicas tan relevantes como son Porsche, en Alemaña, ou o Trinity College de Dublín, en Irlanda.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.07.2013.