Ir o contido principal

A Universidade cos principais axentes das ciencia e tecnoloxías da vida buscan sinerxías arredor de Campus Vida

A USC reúne por vez primeira en Galicia a todos os axentes implicados neste ámbito

Os principais axentes do sector das ciencias e tecnoloxías da vida aplicadas á saúde reuníronse este mércores 17 arredor do proxecto Campus Vida, co obxecto de establecer sinerxías entre os ámbitos académico, sanitario e industrial. Deste xeito, a USC reúne por vez primeira en Galicia a todos os axentes implicados neste sector.
O reitor Senén Barro recibiu aos asistentes á xornada afirmando que Campus Vida promove a creación dun auténtico bioclúster que sitúe a Galicia no mapa internacional das ciencias da saúde. Barro tamén destacou a adhesión ao proxecto das universidades e hospitais da Coruña e Vigo. Na súa opinión este feito mostra que o proxecto vai máis alá da propia USC, sendo unha aposta por establecer elementos de colaboración estable entre todos os integrantes do sector sanitario e biotecnolóxico.
Na mesma xornada, a vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso, presentoulles aos asistentes as particularidades de Campus Vida, animando ás empresas presentes e aos centros hospitalarios a participar no Campus de Excelencia Internacional a través da Rede de Centros Singulares de Investigación. No caso concreto da industria biofarmacéutica, a vicerreitora destacou as posibilidades de colaboración que se xerarán coa creación da Escola de Doutoramento Internacional que porá en marcha a USC.
Para María José Alonso, as universidades deben ser flexibles para reforzar a colaboración cos socios estratéxicos. Neste senso, lembrou que Campus Vida pretende ser un vector de crecemento económico e social que impulse a proxección internacional de Galicia coa mente posta en converterse nun dos 100 mellores biocampus do mundo.
Nova unidade mixta Esteve-USCCoa idea de desenvolver e superar o concepto clásico de colaboración entre universidade e empresa, o director de Operacións de I+D+i de Laboratorios Esteve, Eduard Valentí, anunciou nesta mesma xuntanza a creación dunha unidade mixta de colaboración entre a empresa e a institución académica. O propio Valentí explicou que esta unidade implicará que investigadores da USC traballarán nun laboratorio de Esteve instalado no edificio Emprendia na USC.
Esta integración, tanto física como de obxectivos, redundará nunha maior interrelación e nunha colaboración máis fluída no desenvolvemento de novos proxectos estratéxicos en materia farmacéutica, explicou o representante de Esteve.
BioclustersJoan Rodés, director do Instituto de Investigacións Sanitarias IDIBAPS-Hospital Clinic e Premio Nacional de Investigación, destacou na súa intervención que os grandes avances da historia proceden da colaboración entre investigación, organizacións sanitarias e empresas.
Priorizou neste senso, a importancia de apostar pola investigación biomédica e pola integración. “As grandes oportunidades de futuro están na integración, na relación con outras áreas da Ciencia”, dixo, engadindo que nesta idea radica a importancia de Campus Vida, por promover a colaboración entre axentes chamados a entenderse.
Compromiso da Xunta de Galicia“Experiencias como Campus Vida son unha oportunidade para o cambio de paradigma que ten que producirse na investigación en España, facendo efectiva a colaboración público-privado”. Deste xeito explicou a xerente do Sergas, Rocío Mosquera, a necesidade de incrementar a cooperación entre os ámbitos público e privado. A representante do Servizo Galego de Saúde estivo acompañado do director xeral de I+D+i.
Principais axentes empresariaisÁ xuntanza, que se celebrou no Centro de Estudos Avanzados da Universidade compostelá, asistiron representantes de moi diversas empresas do sector biofarmacéutico de España como Zeltia, Glaxo Smith Kline, Faes Farma, Advancell, Laboratorios Esteve, AMS Lab, Mestrelab Research, Allelyus, Instituto Implantológico Atlántico, Nanoimunotech, Traveculae, N Life, Nanogap, Nutra Omega Biotecnologica Oleica ou Teaxul.
Xunto ás empresas tamén asistiron responsables dos complexos hospitalarios de Santiago, A Coruña e Vigo, os directores dos institutos de investigación biomédica de Galicia e responsables de I+D hospitalarios, así como representantes de fundacións dos complexos hospitalarios e do Servizo Galego de Saúde. Completando o abano de entidades e institucións asistentes a esta xornada, tamén participou unha representación da Fundación Parc Cientific de Barcelona, da Dirección Xeral de I+D da Xunta de Galicia e das universidades da Coruña e Vigo. Completando a sesión, os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man Campus Vida a través dunha visita ás principais infraestruturas do Campus.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.03.2010.