Ir o contido principal

A Universidade de Santiago albergará un Centro de Produción e Experimentación en Contidos Dixitais

Representantes de corenta empresas do sector asistiron asistiron a unha presentación específica das características do centro
Representantes de corenta empresas do sector asistiron asistiron a unha presentación específica das características do centro

A entidade pública empresarial red.es, dependente da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentaron este xoves o proxecto de creación dun Centro de Produción e Experimentación en Contidos Dixitais en Santiago. O acto presidiuno o reitor da USC, Senén Barro Ameneiro, e contou coas intervencións do director xeral de red.es, Sebastián Muriel, e do subdelegado do Goberno na Coruña, José Manuel Pose.
Dotado cun orzamento de1.150.000 euros – dos que red.es achega un 70 por cento e o 30 por cento restante pola USC-, integran o centro varias unidades diferenciadas orientadas á produción de contidos audiovisuais, produción e experimentación 3D, os videoxogos, a pos-produción, almacenamento e difusión de contidos dixitais, así como unha unidade transversal de formación en contidos dixitais.
A Universidade de Santiago de Compostela é unha das 21 universidades públicas españolas adheridas ao programa ‘Profesionais Dixitais’ que conta para o seu desenvolvemento con 8,5 millóns de euros, cofinanciado con fondos FEDER. O seu obxectivo é impulsar a industria nacional dos contidos dixitais, favorecendo a formación de estudantes e profesionais do sector e fomentando a colaboración entre as universidades e as empresas, a través do desenvolvemento de novos programas académicos e da creación de centros de produción e experimentación en universidades públicas españolas.
O proxecto para este novo centro da USC foi o que acadou un maior financiamento, 1,15 millóns de euros, fronte aos 0,6 millóns de euros que obtivo o seguinte proxecto financiado polo programa Profesionais Dixitais. Logo da presentación aos medios de comunicación, o proxecto presentouse a representantes de máis de corenta empresas do sector para coñecer con máis detalle o seu alcance.
Programa formativoA formación de novos profesionais é un dos principais obxectivos do Centro de Produción e Experimentación de Contidos Dixitais galego. Para conseguilo, tense desenvolvido un programa de capacitación que satisfaga as demandas de profesionais identificadas no sector, mediante o contacto permanente cos seus principais axentes.
Neste senso, vanse desenvolver cursos especializados en creación de contidos dixitais, realidade virtual, realidade aumentada, efectos especiais para audiovisual e para animación 3D e videoxogos, tracking de cámaras para escenarios virtuais, técnicas de intelixencia artificial para animación e deseño de videoxogos, entre outros.
Interacción co sectorAdemais, o Centro recibiu o apoio explícito de diferentes empresas consideradas futuras receptoras dos novos profesionais en Contidos Dixitais, coas que se desenvolverán accións formativas. Algunhas destas empresas son Bren Entertainment, Axencia EFE, Blusens, Fynet-Netex Knowledge Factory, Filmax Animation, Continental, Ficción Producciones, Alia 3D, Tecnocom, Clúster Audiovisual de Galicia, 2 Mares de Mil, R Cable y Telecomunicaciones ou a Corporación Radio Televisión Galicia, entre outras.
Por outra banda, o Centro da USC tamén colaborará no desenvolvemento do proxecto do Parque Científico e Tecnolóxico de Santiago y realizará accións conxuntas de colaboración co Sector Audiovisual Galego a través da Plataforma Tecnolóxica Galega do Audiovisual (i+dea) y da Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC (Vindeira).

Sobre o programa ‘Profesionais Dixitais’O Programa ‘Profesionais Dixitais’, que se enmarca no Plan Avanza 2 dentro da liña “Desenvolvemento do Sector TIC - Contidos Dixitais”, persegue cinco obxectivos principais:
Capacitar a un maior número de alumnos e profesionais no sector dos contidos dixitais.
Desenvolver colaboracións co sector que fomenten a realización de accións conxuntas de formación e a transferencia tecnolóxica universidade-empresa.
Favorecer a constitución de universidades como “polos de Innovación”, que actúen como referente académico e profesional e favorezan a transferencia tecnolóxica entre a universidade e a empresa.
A creación de empresas de base tecnolóxica no sector dos Contidos Dixitais.
Impulsar a creación dun espazo común que permita compartir coñecemento sobre Contidos Dixitais.
A creación destes Centros de Produción e Experimentación nas universidades permite formar e iniciar a estudantes e profesionais na xeración de contidos tales como videoxogos, animación 2D/3D, realidade virtual, deseño gráfico ou edición avanzada de audio e vídeo.
Como parte das actuacións comúns das que poderán beneficiarse todas as universidades, creouse un portal web (www.profesionalesdigital.es/) así como un repositorio de contidos, que facilitará a comunicación, o intercambio de coñecemento, experiencias e boas prácticas sobre contidos dixitais entre as universidades, empresas do sector e a sociedade en xeral. Coa posta en marcha de ‘Profesionais Dixitais’, estímase que se establecerán acordos de colaboración con máis de 50 empresas do sector para fomentar a transferencia de tecnoloxía entre a Universidade e a Empresa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.10.2009.