A Universidade de Santiago busca vías de colaboración institucional en Salvador de Bahía

Unha representación da USC atópase estes días en Salvador de Bahía (Brasil) nunha visita institucional organizada pola Concellaría de Promoción Económica de Santiago coa que a institución docente compostelá está a promocionarse.
Na comitiva, encabezada polo concelleiro Xosé Manuel Iglesias, participan da USC o director do Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua, José Luis Falguera; a xerenta e coordinadora de cultura de Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud; o director asociado do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía, José Luis Villaverde; e un técnico da Oficina de Relacións Exteriores. Están en Brasil tamén técnicos da Oficina de Turismo de Santiago e empresarios do contorno compostelán.
Na viaxe os representantes da USC están a dar a coñecer a institución no Brasil á vez que exploran as posibilidades de colaboración con diferentes entidades de Salvador de Bahía e do propio estado. Os aspectos que se destacan son a oferta de estudos de posgrao e de doutoramento, os cursos de español para estranxeiros de Cursos Internacionais da USC, os modelos de xestión de investigación, colaboración universidade-empresa e transferencia de resultados de investigación e os intercambios de estudantes e de docentes.
Nesta liña estanse a producir numerosos contactos, que os responsables universitarios cualifican como “moi produtivos e esperanzadores” para os intereses da USC. Cabe mencionar neste senso os establecidos coas Universidades Estadual e Católica de Bahía, o centro de ensino superior Jorge Amado, diversas facultades de Turismo de Salvador de Bahía e UNIFACS. No marco destas visitas, os responsables da USC foron recibidos na Universidade Federal de Bahía polo reitor e o asesor de Asuntos Internacionais, institución coa a que a USC xa mantén un importante intercambio de estudantes.
No marco da promoción turística e empresarial de Compostela e explorando posibilidades de negocio para empresarios que traballan desde Santiago, a Oficina de Turismo está a presentar en Salvador de Bahía unha imaxe da cidade cun grande atractivo turístico e forte dinamismo cultural e de oferta de coñecemento. No concernente a estes dous últimos aspectos os técnicos e responsables do concello constantemente presentan á USC como o puntal que asegura e renova permanentemente esa oferta.