Ir o contido principal

A Universidade de Santiago de Compostela acolle a reunión semestral do Comité Técnico de RedEmprendia

O entontro desenvólvese ata este venres no Centro de Estudos Avanzados da USC (Foto: RedEmprendia)
O entontro desenvólvese ata este venres no Centro de Estudos Avanzados da USC (Foto: RedEmprendia)
Máis de 40 representantes e técnicos en investigación e emprendemento de universidades europeas e americanas terán a oportunidade de coñecer o Sistema de Transferencia, Emprendemento e Innovación da...

A Universidade de Santiago de Compostela é estes días a anfitrioa da reunión semestral do Comité Técnico de RedEmprendia, rede universitaria iberoamericana que busca promover a transferencia de coñecemento, o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e o emprendemento responsable. No encontro participan máis de 40 representantes das universidades asociadas á rede, ademais de Universia e Banco Santander como socios estratéxicos. A xuntanza comezou este xoves no Centro de Estudos Avanzados da USC coa intervención do reitor, que subliñou que a USC está inmersa nun proceso “de reforzo institucional en todas as iniciativas de fomento do emprendemento que temos en marcha”. “Unha universidade –dixo- non pode progresar e atender as necesidades que a sociedade demanda sen unha sólida e coordinada estrutura que posibilite a transferencia de coñecemento e facilite a iniciativa emprendedora”. Neste contexto, RedEmprendia contribúe “non só ao cumprimento da nosa terceira misión” senón que “conecta a USC co mundo” en proxectos “tan necesarios” como Spin, o programa Booster E ou un programa internacional para acelerar empresas universitarias con alto potencial de crecemento “que agardamos pór en marcha en Galicia co apoio do Goberno autonómico”, anunciou Viaño. No mesmo acto de apertura, o presidente de RedEmprendia, Senén Barro, manifestou a "enorme satisfacción de celebrar o comité técnico en Santiago de Compostela, a miña universidade, a universidade que mo deu todo" e apuntou que a relevancia destas reunións "no é render contas do que estamos facendo, senón abordar cuestións que necesitan do debate entre nós e moi especialmente reflexionar e discutir o futuro ata o Horizonte 2020 que estamos escribindo". Trátase, en definitiva, de atopar un denominador común e "ver que pode facer unha rede como RedEmprendia que non son capaces de facer por si soas individualmente as universidades. Este é o valor engadido da rede e de cooperar entre nós", concluíu. Pola súa banda, o director de Convenios de Santander Universidades, Gabriel Viloria, asegurou que a reflexión estratéxica iniciada por RedEmprendia "discorre en paralelo e serve para nutrir a propia iniciada por Santander Universidades para asentar as bases dunha estratexia corporativa global coa que quere estar presente en todas as etapas da cadea de valor do emprendemento universitario". Unha estratexia en liña co compromiso que a entidade financeira asumiu publicamente de dedicar 700 millóns de euros a programas universitarios nos próximos catro anos, "parte dos cales destinaranse, por suposto, a iniciativas de transferencia, innovación e emprendemento", asegurou. Horizonte 2020 Tras o acto inaugural tivo lugar unha presentación, por parte do que fora secretario xeral de Universidades, Marius Rubiralta, do avance do documento estratéxico ‘Horizonte 2020’ do que nacerán os programas de apoio ao emprendemento universitario que a rede vai desenvolver nos próximos cinco anos. Entre as accións máis destacadas está a posta en marcha dun programa de aceleración da aprendizaxe empresarial deseñado especialmente para apoiar as mulleres universitarias que queren crear empresas baseadas no coñecemento. Antes de dar comezo ao debate sobre o ‘Horizonte 2020’ de RedEmprendia, o presidente da Fundación CERTIUNI, Francisco José Martínez, deu a coñecer aos membros do comité o sistema de certificacións de competencias persoais que está a desenvolver CERTIUNI para facilitar o recoñecemento das habilidades e capacidades adquiridas polos universitarios a nivel internacional. O encontro pecharase este venres 17 cunha visita ás 9.00 horas ao Campus Vida da USC, onde os asistentes poderán coñecer de cerca o Sistema de Transferencia, Emprendemento e Innovación da USC. Sobre RedEmprendia RedEmprendia (www.redemprendia.org) é a rede universitaria máis importante de Iberoamérica orientada á transferencia de I+D e ao emprendemento que traballa de modo colaborativo, tanto para os seus asociados como para dinamizar o denominado Espazo Iberoamericano do Coñecemento. Está formada por 24 universidades líderes de 7 países (Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, México e Portugal), Universia e Banco Santander por medio de Santander Universidades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.04.2015.