Ir o contido principal

A Universidade de Santiago de Compostela adhírese á 'Hora do Planeta 2010'

A Universidade de Santiago adheriuse á ‘Hora do Planeta 2010’, iniciativa promovida pola organización ecoloxista WWF no ámbito mundial que pretende implicar a máis de mil millóns de persoas e mobilizar a 6.000 cidades no mundo, demostrando así o apoio global á acción contra o cambio climático.
A adhesión, que xestionou a Oficina de Desenvolvemento Sostible da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, resposta ao compromiso da institución docente coa redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, recollido no seu Plan de Desenvolvemento Sostible. Esta vontade, materializada en cifras, supuxo que xa o pasado ano a USC realizara actuacións de mellora da eficiencia enerxética en instalacións de iluminación e instalacións térmicas, de mobilidade sostible ou de illamento térmico, conseguindo evitar así a emisión de 879 toneladas de CO2.
Apaga a luzAs actividades asociadas á ‘Hora do Planeta 2010’ aspiran a involucrar tanto a organizacións como a persoas individuais. Neste senso, a iniciativa promove estes días, concretamente este sábado 27 de 20:30 a 21:30, unha acción simbólica baixo o lema Apaga a luz, acende o Planeta. Preténdese que durante esa hora se manteñan apagadas as luces para que mediante un xesto sinxelo se poña de manifesto o interese individual por reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.
Realizar un consumo enerxético máis racional, un bo mantemento das instalacións enerxéticas e substituír o consumo de enerxía procedente de fontes non renovables por enerxía de fontes renovables son algúns dos xeitos que individual e colectivamente poden contribuír a redución de gases de efecto invernadoiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.03.2010.