Ir o contido principal

A Universidade de Santiago de Compostela e a Obra Social "la Caixa" amplían a súa colaboración á formación e á investigación

Logo de máis dunha década de colaboración entre a USC e a Obra Social “la Caixa” en distintas actividades culturais, educativas e sociais, ambas as dúas entidades queren agora establecer novos marcos de cooperación, que quedaron acordados este venres nun convenio asinado en San Xerome polo reitor Senén Barro e o delegado xeral en Galicia da Obra Social “la Caixa”, Marc Arthur Benhamou.
De maneira xeral, colaborarán na realización de proxectos nos eidos de formación, divulgación, investigación científica e transferencia de tecnoloxía así como en accións sociais, de voluntariado, de accesibilidade e en actividades de temática cultural; iniciativas que se concretarán en acordos e convenios específicos. Ademais, contémplase a realización de futuras colaboracións co Museo de Historia Natural ‘Luis Iglesias’ da USC.
EmprendementoNa mesma liña, están a elaborar un protocolo de colaboración en materia de apoio ao emprendemento na USC así como de financiamento de iniciativas empresariais con microcréditos a emprendedores universitarios con proxectos viables de xeito que poidan acceder a unha modalidade crediticia sen necesidade de aval.
Esta iniciativa encaixa co programa de creación de empresas da USC-UNIEMPRENDE destinado á difusión da cultura emprendedora e a identificar ideas empresariais innovadoras no seno da comunidade universitaria. UNIEMPRENDE conta con diferentes liñas de acción que van dende a incubación de empresas ao seu financiamento dispondo tamén, entre outros, dun programa transversal de emprendemento feminino (Woman Emprende).
Máis dunha décadaNestes doce anos de colaboración entre a USC e a Obra Social “la Caixa” son salientables diversas producións expositivas como, por exemplo, a mostra audiovisual ‘Chaplin en Imaxes’; a de cartelismo e deseño ‘Homenaxe a Toulouse Lautrec’; as de fotografía ‘Ellen Auerbach’, ‘Ricard Terré’ e ‘As Guerras Fraticidas’; de pintura ‘Anglada Camarasa’; a de escultura ‘Auguste Rodin’; a histórico-educativa ‘Os Aromas de Al-Andalus’; e a social-educativa ‘Qué é o sida?’.
A colaboración estendeuse tamén o curso pasado á realización de cursos de verán, concretamente a Escola de Verán sobre Dereitos Humanos e Cooperación que se desenvolveu en catro centros da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.03.2010.