Ir o contido principal

A Universidade de Santiago de Compostela organiza unha exposición sobre a historia da informática na USC

O reitor Juan Viaño inaugurará o luns 22 na sala multiusos do Colexio de Fonseca (entrada polo xardín situado fronte a Correos) unha exposición sobre a historia da informática na USC. No acto, ás 12.00 horas, intervirá tamén o comisario da mostra, o profesor José Ángel Docobo.

Na exposición mostrarase o primeiro computador analóxico que tivo a USC, a constitución do Centro de Cálculo Barrié de la Maza e mais o Proxecto Telegal, que levou a informática ás ensinanzas primaria e secundaria de Galicia. Tamén poderán coñecerse mediante paneis didácticos as partes básicas e características dun ordenador e a evolución da informática dende os anos setenta ata hoxe a través dun compendio de ordenadores dos 80 e 90 e dos distintos soportes de almacenamento de datos. Inclúese ademais un apartado dedicado ás aplicacións actuais da computación en distintas liñas de investigación que se están a desenvolver na USC.

A mostra conta cunha importante achega tanto do Centro de Supercomputación de Galicia como do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.05.2017.