A Universidade de Santiago, comprometida co software libre
A USC colabora este sábado 9 na celebración do décimo aniversario da Galipedia que terá lugar no Colexio Maior Fonseca (Campus Vida), unha iniciativa posta en marcha por Wikimedia España, organización sen ánimo de lucro que tenta fomentar os contidos educativos libres. Nesta xornada relacionada co software libre, que inaugurará ás 10.00 horas o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, trataranse diferentes aspectos da Galipedia, as licencias libres e os dereitos en Internet. O acceso é libre ata completar o aforo. Logo da presentación intervirán con cadanseu relatorio o técnico do Cesga José Manuel Abuín; o administrador de Galipedia Antonio Gregorio; o director de culturagalega.org, Manuel Gago; e o avogado experto en propiedade intelectual Javier de la Cueva. Ademais, ás 12.00 terá lugar unha mesa redonda sobre as empresas galegas con licenza libre.