Ir o contido principal

A Universidade de Santiago, dobremente premiada por Correo Farmacéutico

A profesora Mabel Loza, terceira pola esquerda, co resto dos premiados
A profesora Mabel Loza, terceira pola esquerda, co resto dos premiados

Os traballos de dous docentes da Facultade compostelá de Farmacia foron recoñecidos este luns na oitava edición dos premios ás Mellores Iniciativas da Farmacia do Ano que a revista especializada Correo farmacéutica entregou nos Teatros del Canal de Madrid dirixidos a aquelas iniciativas impulsadas por profesionais de todo o sector que traballan en beneficio do paciente e que constitúen un avance para a profesión. Na categoría de Investigación, farmacoloxía e produtos recoñeceuse a unidade mixta de investigación USC-Esteve, unha iniciativa da catedrática de USC Mabel Loza, mentres que no apartado Profesión e deontoloxía destaca o estudo ‘O consello farmacéutico: avaliación do seu impacto na demanda asistencial en atención primaria’ no que colaborou o profesor de Saúde preventiva da USC, Francisco Caamaño Isorna. Unidade mixta A unidade mixta de investigación, creada hai un ano grazas ao acordo entre ESTEVE e a Universidade de Santiago, é a primeira colaboración público-privada en I+D de Galicia baseada no modelo de innovación aberta. Emprazada no CIMUS, o seu obxectivo é o desenvolvemento e implementación de métodos robotizados de determinación da actividade farmacolóxica in vitro de potenciais novos medicamentos. Un proceso que permite avaliar en pouco tempo a actividade dun gran número de moléculas, acelerando de forma importante a identificación de puntos de partida e a posterior optimización química de novas moléculas para aumentar a posibilidade de que se convertan en medicamentos. Neste caso, na área da analxesia, a principal liña de investigación de ESTEVE. A unidade está vinculada coa rede galega de I+D farmacéutica que integran grupos das tres universidades públicas, de tres fundacións hospitalarias e da rede COMBIOMED do Instituto Carlos III. Precisamente este modelo de alianzas público-privadas emerxe como unha das claves para acelerar o desenvolvemento de medicamentos. Estudio sobre o consello farmacéutico Pola súa banda, o profesor Caamaño Isorna recibiu o galardón, xunto co Colexio Oficial de Farmacéuticos de León e o Centro de Investigación Biomédica en Rede de Epidemioloxía e Saúde Pública (Ciberesp), pola elaboración dun estudo que analiza canto lle custaría ao Servizo de Saúde de Castela e León (Sacyl) se non se dese consello farmacéutico nas oficinas de farmacia. Do informe despréndese, por exemplo, que só a provincia de León, na que os pacientes fan arredor dun millón de consultas ao ano nas boticas, supón un aforro en atención primaria duns 80 millóns de euros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2012.