Ir o contido principal

A Universidade de Santiago homenaxea ao pintor Tomé

No acto presentouse un mural recentemente restaurado do artista, emprazado nunha aula que levará o seu nome na Facultade de Ciencias Económicas

A Universidade de Santiago, a través da Vicerreitoría de Cultura e da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, homenaxeou este venres, día 5, ao pintor X. M. Tomé nun acto no que presentaron un mural recentemente restaurado do artista na Aula B do centro compostelán, que agora pasará a levar o seu nome.
O mural que acaba de ser restaurado e que xa formaba parte da galería artística do centro está elaborado con técnica mixta e presenta unhas grandes dimensións, 3 metros de alto e 12 de longo. Realizado por Tomé na década dos 80, nel decántase por formas que tenden entre a abstracción e a formas figurativas.
O acto, presidido polo vicerreitor de Cultura, Elías Torres, contou coa asistencia do vicedecano da Facultade, Alejandro Ballesteros Ron; a viúva do artista, Misu Villot, e o comisario de ‘X.M. TOMÉ, antolóxica’, Federico López Silvestre; así como representantes do Concello de Santiago, Caixanova e o Museo do Pobo Galego, entidades patrocinadoras da exposición antolóxica de Tomé que se pode visitar no Colexio de Fonseca ata este domingo 7.
Elías Torres entregou cadanseu Libro do Patrimonio da USC, como mostra de gratitude polo traballo realizado, ás restauradoras da obra, María Gómez García e Carmen Menéndez Montero, e dixo que a Facultade de Ciencias Económicas foi sempre “un referente onde se fabricaron ideas e onde sempre houbo un compromiso intenso coa actividade académica e tamén coa cultura”. No acto estivo presente un nutrido grupo de docentes do centro así como doutros facultades, entre elas Ciencias da Comunicación, Psicoloxía ou Ciencias da Educación, ademais do vicerreitor de Economía, Miguel Vázquez Taín, profesor tamén de Económicas.
Remata a exposición antolóxicaA USC pecha este domingo a mostra ‘X.M. TOMÉ, antolóxica’ que, no Colexio de Fonseca, achega a traxectoria artística deste pintor, zamorano de nacemento e compostelán de adopción, marcada pola súa inquedanza, polo seu apaixonamento pola arte e por ir descubrindo nela novas posibilidades, tanto dende un punto de vista técnico coma estético e temático.
A exposición ‘X.M. TOMÉ’ recolle por vez primeira unha exposición antolóxica da súa obra composta por 68 obras de diferentes técnicas, estilos e tamaños que permitirán ver a evolución artística de Xosé Miguel Tomé (1942-2005). Este pintor chega a Santiago en 1960 para cursar estudos de Medicina, destacando axiña polos seus debuxos e comezando así a ser coñecido como pintor. As súas primeiras obras encádranse dentro da estética da neofiguración expresionista, pasando pola etapa máis colorista no comezo dos oitenta e pola abstracción redonda de finais desa mesma época. Os anos noventa marcan a chegada do informalismo, presente nas súas cruces ou nos bosques. Todo isto, marcado por unha evolución en canto a técnica: óleos, acrílicos, debuxos, collages e queimados.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2007.