Ir o contido principal

A Universidade de Santiago lidera o proxecto LaserPET para o desenvolvemento dunha nova tecnoloxía de aceleración de partículas baseada no uso de láseres de gran potencia

A Universidade de Santiago lidera o proxecto LaserPET para o desenvolvemento dunha nova tecnoloxía de aceleración de partículas baseada no uso de láseres de gran potencia
A Universidade de Santiago lidera o proxecto LaserPET para o desenvolvemento dunha nova tecnoloxía de aceleración de partículas baseada no uso de láseres de gran potencia
Foi un dos proxectos participantes na xornada de presentación das Oportunidades de financiamento 2013-2015 para proxectos estratéxicos universidade-empresa

O proxecto LaserPET, que coordina a USC, foi un dos tres proxectos da xornada de presentación de Oportunidades de financiamento 2013-2015 para proxectos estratéxicos universidade-empresa. Interviñeron os tres reitores galegos e a secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela Olmo, nun acto que presidiu o titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Xunto a eles, asistiron tamén os conselleiros de Economía e Industria e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Francisco Conde e Xesús Vázquez, respectivamente. Esta xornada presenta oportunidades de financiamento existentes para empresas no marco de proxectos de alto impacto apoiados con preto de 19 millóns de euros a cargo do Fondo Tecnolóxico europeo. Como se explicou, esta iniciativa é unha oportunidade estratéxica de colaboración entre universidades e empresas para participar a través do apoio público na transferencia e posta en valor no mercado de resultados de proxectos estratéxicos. Xunto a LaserPET, a Universidade da Coruña centra a súa iniciativa innovadora A-Tempo no sector naval, mentres que a Universidade de Vigo traballará no sector das novas tecnoloxías, coa posta en marcha do proxecto TACTICA. LaserPET Logo das intervencións das autoridades institucionais, celebrouse unha sesión informativa na que deron conta das particularidades dos proxectos obxecto da colaboración. Neste senso, a USC lidera o proxecto LaserPET para o desenvolvemento dunha nova tecnoloxía de aceleración de partículas baseada no uso de láseres de gran potencia, para a súa aplicación á produción de radiotrazadores para imaxe médica PET. Esta mesma tecnoloxía tamén podería aplicarse posteriormente ao desenvolvemento doutros proxectos de investigación básica ou aplicada no ámbito da aceleración de partículas ou os láseres de alta potencia e pulso curto. Como explicou o coordinador do proxecto, o profesor José Benlliure, o custe total do proxecto é de 5,3 millóns de euros, dos que o Ministerio de Economía e Competitividade financia o 80% a través do Fondo Tecnolóxico (FEDER) da Unión Europea e o 20% restante a propia USC. A execución do proxecto implica a construción na USC dun laboratorio para desenvolver tecnoloxías de aceleración con láser, equipado cun láser de 45 TW, unha zona de irradiación, un laboratorio de instrumentación nuclear e outro de óptica. A principal vantaxe dos novos sistemas de aceleración son a súa capacidade e a inversión, “ ademais do menor custe do láser respecto a un acelerador convencional hai que considerar a gran redución das blindaxes polo reducido tamaño da zona de aceleración” así como os custes de mantemento, explica José Benlliure, quen anticipa que se poderán construír “nun futuro próximo” sistemas compactos de aceleración de electróns e ións. Utilidades A aceleración láser pode ademais ter un grande impacto na produción doutros radioisótopos de uso en aplicacións médicas e industriais así como en procesos de validación de materiais e compoñentes para a industria aeroespacial. A tecnoloxía láser de femto-segundos ofrece grandes oportunidades no ámbito do tratamento de superficies e materiais (fusión, soldadura, perforado,..) ou na fabricación de materiais nanoestruturados. O coñecemento e a tecnoloxía desenvolvida ao longo deste proxecto poderá abrirse posteriormente ao sector empresarial para o desenvolvemento dalgunhas destas aplicacións ou servizos, sinalan os seus promotores. Colaboracións A Universidade de Santiago é a institución promotora do proxecto e responsable da súa realización, da que se encargarán máis de 20 investigadores da USC do ámbito da tecnoloxía láser (Grupo de Óptica Green), da física nuclear (Grupo Experimental de Núcleos e Partículas) e das tecnoloxías da información (CiTIUS). Como explicou Benlliure, actualmente estanse definindo colaboracións con grupos de investigación da Universidade de Vigo, ademais de que outros dous centros de investigación nacionais, o Centro de Láseres Centro de Láseres Pulsados e Ultraintensos de Salamanca de Salamanca e o el Instituto de Instrumentación para a Imaxe Molecular de Valencia, tamén colaborarán no proxecto.

Varias empresas do sector da tecnoloxía láser e das aplicacións médicas das radiacións tamén apoian e esperan contribuír ao desenvolvemento do proxecto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.12.2013.