Ir o contido principal

A Universidade de Santiago mantén aberta a inscrición na quinta edición do Máster en Enxeñaría da Madeira

O posgrao organizado pola USC en colaboración con Confemadera Hábitat Galicia permitiu xa a 130 persoas acadar formación especializada en estruturas de madeira

A Universidade de Santiago de Compostela vén de abrir o prazo de inscrición na quinta edición do Máster en Enxeñaría da Madeira, un posgrao organizado en colaboración con Confemadera Hábitat Galicia e que se imparte na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, a través do que 130 arquitectos e enxeñeiros puideron acadar nas catro edicións anteriores unha formación especializada en estruturas de madeira.

Esta nova edición do Máster en Estruturas da Madeira, que se desenvolve ao longo dun programa de 500 horas de formación e cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 5 de xullo na web http://www.usc.es/pemade/castellano/aula/master.html, ofrece 30 prazas para arquitectos e enxeñeiros interesados en recibir unha formación teórica e práctica en estruturas de madeira. Como novidade, os/as matriculados/as recibirán o 50% das clases teóricas a través de formación en liña, na plataforma Adobe Connect, que permite conectarse coa clase desde un ordenador persoal, ‘tablet’ ou teléfono móbil. O Máster en Enxeñaría da Madeira, o único posgrao existente na universidade española centrado nas posibilidades da madeira como material de construción, ten orientado nestes anos os seus contidos ás necesidades de formación do alumnado, así como á crecente sensibilidade social pola construción sostible, segundo subliña o director do posgrao, Manuel Guaita. Este profesor da USC salienta asemade que “ningún material de construción pode ofrecer as prestacións económicas, sociais e medio ambientais que ofrece a madeira”. Guaita sostén neste senso que Galicia debe apostar por la construción en madeira, para o que cómpre por en marcha a cadea produtiva do monte galego. Nove universidades e 62 profesores O cadro docente do Máster en Estruturas de Madeira está formado por 62 profesores de perfil académico, investigador e profesional. Os docentes académicos proceden das universidades de Santiago de Compostela, Politécnica de Madrid, Vigo, Valladolid, A Coruña, Oviedo e Estremadura. O programa tamén inclúe profesorado internacional das universidades de Campinas (Brasil) e Trento (Italia). A formación ofertada neste posgrao complétase con profesores dos centros tecnolóxicos da madeira de referencia en España como CIS Madeira, CETEMAS, AITIM e INIA, xunto con outros profesionais da arquitectura e a enxeñaría, e empresas do sector da madeira.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.06.2013.