A Universidade de Santiago, no ránking das mellores universidades do mundo de Times Higher Education

A Universidade de Santiago incorpórase na edición 2015-2016 ao Times Higher Education World University Ranking posicionándose no intervalo 501-600. Para a súa elaboración, esta clasificación baséase nos datos procedentes de 1.126 institucións universitarias, a análise de 11,3 millóns de artigos científicos e as respostas de enquisas a máis de 11.000 académicos arredor do mundo. O ránking preséntase como “a listaxe das mellores universidades a nivel mundial e como a única clasificación do rendemento das universidades en base á análise das das súas misións básicas: docencia, investigación, transferencia de coñecemento e perspectiva internacional”.
Segundo a análise que realiza Times Higher Education (THE), a USC acada os seus mellores resultados en índice de citacións (30% da nota final), actividade de transferencia de coñecemento cara a industria (2,5%) e perspectiva internacional (7,5%), aspectos aos que seguirían a análise do proceso docente (30%) e investigador (30%).
O ránking de THE inclúen un total de 25 universidades españolas. A de Santiago comparte posición coas universidades do País Vasco, Granada, La Laguna, Oviedo, Salamanca, Sevilla e Zaragoza. Nas primeiras posicións sitúanse a Autónoma de Barcelona (146); Pompeu Fabra (164); Barcelona (174); Autónoma de Madrid e Navarra (301-350); e Complutense, Politécnica de Cataluña, Rovira i Virgili e Valencia (401-500). Completando a presenza española seguiríanlle, no intervalo 601-800, as de A Coruña, Alcalá, Castela A Mancha, Carlos III de Madrid, Murcia, Politécnica de Valencia, Politécnica de Madrid e Vigo.