A Universidade de Verán 2012 busca estratexias educativas en tempos de crise económica e social a través da aprendizaxe en comunidade

Estratexias educativas en tempos de crise económica e social é o lema dun curso da Universidade de Verán 2012 que vai prestar atención á aprendizaxe en comunidade. Os días 19 e 20 de xullo, o curso celebrarase na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) baixo a dirección do profesor da USC Germán Vargas Callejas e Amalia Álvarez, de InteRed Galicia. Investigadores das universidades Complutense de Madrid, de Barcelona, de Sevilla, da USC e de proxectos específicos neste eido ofrecerán a súa perspectiva respecto de cuestións como os fundamentos pedagóxicos do principio de comunidade, as comunidades de aprendizaxe, a participación social como estratexia para o exercicio da cidadanía ou a comunidade como experiencia e principio pedagóxico para a acción educativa. De xeito complementario desenvolverase un obradoiro de ‘Teatro da escoita’ sobre procesos e estratexias de aprendizaxe en comunidade e un videoforum co lema ‘Innovacións e ensaios educativos de construción de comunidade na sociedades contemporáneas’. Ademais, haberá unha mesa de debate arredor de redes de intercambio e solidariedade educativa, económica e social coa presentación das experiencias de Preescolar na casa, Fervello (bancos de tempo) e Redes de solidariedade – INTERED.
Este curso conta cun cofinanciamento de InteRed Galicia, Grupo SEPA e a Rede de Investigación en Educación e Formación para a Cidadanía e a Sociedade do Coñecemento RINEF-CISOC. Ademais é unha actividade homologada polo IEPS-MEC con dous créditos para o profesorado en activo. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web do curso http://www.usc.es/cultura/uveran08_12.htm.