Ir o contido principal

A Universidade de Verán da USC amplía en 2014 a oferta de cursos que se desenvolverán en dezasete localidades galegas

Francisco Durán e Pablo Sampedro presentaron a Universidade de Verán 2014. Foto: Servimav-USC
Francisco Durán e Pablo Sampedro presentaron a Universidade de Verán 2014. Foto: Servimav-USC
Son 52 propostas de temática variada para os meses de xuño, xullo, agosto e setembro

A Universidade de Verán oferta un total de 52 cursos de temáticas variadas que se desenvolverán en 15 localidades diferentes ademais de Santiago e Lugo durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, nun afán da institución académica por achegar o coñecemento a toda a sociedade. Así o comunicou o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, e o director da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro, nunha rolda de prensa de presentación da programación de cursos que conforman a oferta da Universidade de Verán para este ano 2014. A oferta de cursos desenvolveranse nos Campus de Compostela (27) e Lugo (11) e nas localidades de A Pastoriza, Arzúa, Cambados, Cervo, Guitiriz, Guísamo-Bergondo, Lalín, Nigrán, Ortigueira, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Seoane do Courel, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa. Francisco Durán destacou que a temática dos cursos abarca todas as áreas de coñecemento da USC, dando continuidade aos cursos máis demandados, como os relacionados co Xacobeo, pero organizando novas convocatorias en función da actualidade. Entre as novidades que aparecen no programa atópanse temas de importancia recente como os relacionados co conflito do Sahara, a reforma local ou a doutrina Parot e outros que espertan especial preocupación na sociedade como o medio ambiente e sustentabilidade, a crise alimentaria e a despoboación no rural galego. Tamén hai cursos que fomentan o emprendemento en tempos de crise como o dedicado á xestión de empresas familiares ou o financiamento de actividades deportivas e convocatorias para ampliar coñecementos no emprego de recursos educativos como a música na infancia, os xardíns como recurso educativo e educación emocional. Outras convocatorias científicas trataran diferentes aspectos da química, fotónica e tecnoloxía láser e na rama das ciencias da saúde hai cursos dedicados a abordar os servizos sanitarios, primeiros auxilios ou tratamento da obesidade. O vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua salientou que as localidades de celebración dos cursos foron seleccionadas tendo en conta as características do territorio, aproveitando as súas particularidades para ofrecer un enfoque máis práctico e atendendo ás demandas de cada lugar. Así, en A Pastoriza impartirase un curso sobre innovación tecnolóxica nas explotacións gandeiras, en Arzúa sobre o sector apícola, en Rianxo sobre a figura de Castelao, en Vilagarcía de Arousa sobre planificación hidrolóxica e en Ortigueira sobre a industria musical en Galicia, entre outros. Pablo Sanpedro anunciou que o prazo de matrícula ábrese este mércores 7 para as persoas que realicen este trámite por internet, e a partir do día 14 se o fan de modo presencial, pechándose sempre unha semana antes da propia celebración do curso e sendo necesario realizar o pagamento dentro dos cinco días naturais tras facer a inscrición. O director da Área de Cultura destacou que o número de matriculados aumenta cada ano a pesar da crise o que demostra o interese crecente polos cursos ofertados, chegando o ano pasado a preto de 1.400 participantes, cifra que agarda ser superada nesta convocatoria. O alumnado que se matricule poderán validar a súa asistencia como créditos de libre elección ou optativos. Para diplomaturas, mestres, enxeñarías, enxeñarías técnicas e licenciaturas a validación será en forma de libre elección, dos por cada curso de 30 ou máis horas e un polos de menos de 30 horas. Pola súa banda, para os graos a validación será de dous créditos optativos por cada curso de 25 horas ou máis e de un para os de menos de 25. Taxa xeral e reducida A USC mantén as mesmas taxas de matrícula que en anteriores edicións con dúas modalidades, xeral e reducida. A primeira, de 120 euros para os encontros de máis de 25 horas e de 70 para os seminarios e xornadas que non superen esta cifra. A taxa reducida está dirixida ao estudantado de calquera universidade ou estudos de formación profesional ou bacharelato, pensionistas, persoas desempregadas, así como PDI e PAS da USC. Neste caso, os prezos a pagar serán de 70 e 40 euros, segundo a carga lectiva do curso. Máis información en http://www.usc.es/cultura/uveran14index.htm .

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.05.2014.