A Universidade de Verán da USC chegará este ano a quince concellos e a Portugal

O programa da Universidade de Verán 2016 comprende 46 cursos a desenvolver entre xuño e setembro en Santiago, Lugo e noutros quince concellos máis: Antas de Ulla, Cervantes, Guitiriz, Lalín, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Muras, O Corgo, Oia, Porto do Son, Portomarín, Ribadeo, Seoane do Courel e Vilanova de Arousa, ademais de na localidade portuguesa de Barcelos. A matrícula xa se pode formalizar tanto a través da web como de xeito presencial e poderá realizarse ata aproximadamente dez días antes antes do inicio do curso en cuestión.
Sempre e cando se asista ao 80% das horas lectivas, as persoas inscritas recibirán un diploma acreditativo da súa participación. A USC recoñece os cursos de verán 2016 a efectos de créditos para o estudantado: dous créditos para cada curso de 25 ou máis horas e un crédito polos de menos de 25 horas (en todo caso, ata un máximo de seis créditos en total). A taxa xeral de matrícula é de 120 euros para os cursos de máis carga lectiva e de 70 para os de menos de 25 horas. Ademais, existe unha taxa reducida (de 70 e 40 euros, respectivamente) aplicable a alumnado universitario, de bacharelato ou de formación profesional, pensionistas, persoas en situación de desemprego, socios/as da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC e PDI e PAS da USC.
O número de localidades nas que se desenvolverá esta programación duplica o do pasado ano, reafirmando a vocación descentralizadora e de divulgación da Universidade de Verán da USC, como explicaron na rolda de prensa de presentación o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López, e o director da Área de Cultura da USC e responsable da programación de verán, Pablo Sampedro.
O abano de temas propostos permite ofrecer títulos en todas as áreas de coñecemento, atendendo a cuestións de actualidade como tamén fomentando o debate arredor de cuestións clásicas. A música como recurso curricular, o dereito á alimentación, a linguaxe xurídica a través da experiencia práctica, a empresa familiar, a vespa asiática ou o sector lácteo son algúns exemplos das cuestións propostas. Tamén volven figurar no programa novas edicións de cursos presentes nos últimos anos dentro da oferta da Universidade de Verán. É o caso das Lección Xacobeas, ou dos cursos de Divulgación, Novas fronteiras na igualdade de Oportunidades ou as xornadas de coaching educativo.
Pablo Sampedro e Roberto López presentaron en rolda de prensa a programación da Universidade de Verán 2016. Foto. Servimav-USC