A Universidade de Verán da USC oferta 45 cursos monográficos en once localidades

A Universidade de Verán da USC ofertará este ano un total de 45 cursos en nove localidades, ademais de en Santiago e Lugo, e outros preto de 40 cursos do Centro de Linguas Modernas cunha oferta específica entre os meses de xuño e setembro para vinte linguas. Os detalles da programación da Universidade de Verán presentáronos o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López López; o director da Área de Cultura, Pablo Sampedro; e a directora do Centro de Linguas Modernas (CLM), Katerina Vlasakova.
As persoas inscritas nun curso de verán recibirán, sempre que asisten ao 80% das horas lectivas, un diploma acreditativo da súa participación e no caso dos idiomas acreditativo do nivel, ademais do recoñecemento a efectos de créditos ECTS para o estudantado de ata dous créditos polos cursos de máis de 25 horas (no caso dos de menos carga docente, o recoñecemento será por un crédito).
Cursos monográficos
O prazo de matrícula nos cursos monográficos da Universidade de Verán abrirase este mércores 10 tanto para a modalidade en liña como para a presencial e permanecerá aberto ata dez días antes do inicio do curso no que as persoas interesadas se vaian inscribir. Contémplanse dúas taxas xerais, de 120 euros para os cursos de 25 ou máis horas e de 70 euros para o resto e outra de carácter reducido (de 70 e 40€, respectivamente, en función da carga docente) para alumnado universitario, de bacharelato ou de formación profesional, así como para pensionistas, desempregados/as, socios da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, PAS e PDI da USC.
O maior número de cursos concéntranse en Compostela e Lugo, con 23 e 12 cursos respectivamente. Os últimos avances en radioloxía, a educación matemática, divulgación en química, primeiros auxilios, software libre musical, neurociencia, moda, didáctica da danza tradicional galega, un obradoiro de xestión cultural , biomedicina ou técnicas para a comunicación efectiva da ciencia, son algúns dos temas da oferta do Campus de Santiago. Na programación de Lugo, ofertaranse cursos sobre a produción cárnica en Galicia, un obradoiro de iniciación á metodoloxía bosquescuela, ofimática en proxectos de enxeñaría, a xestión dos recursos humanos nas organización deportivas, cambio climático, a empresa familiar; a linguaxe xurídica a través da experiencia práctica ou a cidade agroecolóxica, entre outros.
Outras localidades ás que chegará este ano a Universidade de Verán da USC 2017 son Cervantes, Guitiriz, Lalín, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Oia, Ribeira, Seoane do Courel e Vilanova de Arousa para analizar temas como o aproveitamentos sostible dos cogomelos comestibles, a ruta do Pai Sarmiento, o futuro do patrimonio cultural, avances en criminoloxía xurídica ou novas fronteiras da igualdade de oportunidade.
Centro de Linguas Modernas
O grao de satisfacción global das persoas que o pasado ano participaron nos cursos intensivos de verán do CLM, cualifican a súa satisfacción global cunha nota media de 4,64 sobre un máximo de 5. O Centro de Linguas Modernas abrirá este mércores 10 o prazo de matrícula para os seus cursos intensivos de verán cunha oferta formativa que sumará un total de vinte linguas con distintos niveis.
Os cursos intensivos de verán celebraranse do 3 ao 14 de xullo no CLM, os de alemán do 10 ao 21 de xullo, o curso intensivo de inglés B1 do 5 ao 30 de xuño e os cursos intensivos de español como lingua estranxeira do 23 de agosto ao 6 de setembro. Esta é unha oferta dirixida tanto ao alumnado que vai participar en programas de mobilidade internacional o próximo curso, como a PAS e PDI e a outras persoas alleas á USC maiores de 16 anos, especialmente alumnado de bacharelato, profesionais e todas as persoas con interese en ampliar a súa formación en linguas estranxeiras ou cooficiais en España e nas distintas culturas.
No caso dos cursos de español como lingua estranxeira, están concibidos para alumnado dos convenios internacionais que comezan os seus estudos na USC durante o curso 2017-2018.
Como explicou a directora do centro, en todos os cursos de linguas modernas, máis que contidos gramaticais, preténdese ofrecer técnicas e práctica de destrezas, estratexias de comunicación, así como contidos específicos e funcionais útiles nas estadías no estranxeiro. No caso dos cursos de iniciación ao idioma inclúen contidos lingüísticos do nivel A1 segundo o MECR necesarios durante as estadías de estudos traballo ou turismo así como outros contidos relacionados coa cultura dos países de fala. As persoas interesadas poden atopar máis información na web do CLM http://www.usc.es/gl/servizos/clm/modules/novidades/news_0002.html.