As tres universidades galegas colaborarán coa Asociación Galega de Hidróxeno á procura dunha investigación planificada neste ámbito

Representantes das tres universidades galegas e da Asociación Galega do Hidróxeno (AGH2) acaban de celebrar unha reunión co obxectivo de impulsar o desenvolvemento coordinado de liñas de investigación arredor do hidróxeno. O encontro, cualificado polas institucións participantes como un fito na integración dos esforzos neste campo de investigación, supón “unha aposta decisiva do sector científico universitario a prol do desenvolvemento do hidróxeno en Galicia, sumando coñecemento compartido e contribuíndo á creación dunha mapa de investigación da comunidade autónoma”.
Segundo o director técnico da AGH2, o catedrático de Física da USC Luis Miguel Varela Cabo, “a xuntanza marca un novo escenario cun novo enfoque no campo da investigación, neste caso do hidróxeno verde”. O acordo de colaboración entre persoal investigador universitario galego “leva asociado un compromiso de país, un referente neste campo, que asenta as bases para planificar, de maneira coordinada, a investigación sobre o H2”, apunta Varela.
Análise de capacidades
Na primeira reunión das tres universidades e a AGH2, realizouse unha análise preliminar de capacidades e necesidades no sistema universitario de investigación en H2 en Galicia para o cal acordaron realizar as respectivas consultas internas e presentar as conclusións na próxima xornada de traballo que se celebrará na Coruña o vindeiro mes de maio. “O obxectivo é que cada institución analice as súas capacidades técnicas, de equipos, persoal e de liñas de investigación, para posteriormente fixar cales serás as prioridades a desenvolver”, explica o director técnico da AGH2.
Tamén se abordou a necesidade de crear unha cátedra interuniversitaria centrada no estudo do hidróxeno. Con ela preténdese unir o sector público, privado, social e científico e impulsar de maneira conxunta a especialización de Galicia e os seus profesionais ao redor do hidróxeno verde e toda a súa cadea de valor.
Nesta primeira xuntanza participou, ademais do director da asociación, o vicepresidente de AGH2, Luis Moreno, quen ademais é coordinador da área de Investigación da entidade e director do Centro Tecnolóxico do Automóbil de Galicia (CTAG). Por parte da USC tamén acudiu á xuntanza o director de Promoción e Estratexia Científica, Emilio Martínez, mentres que por parte da UVigo asistiu o vicerreitor de Planificación e Sustentabilidade, José Luís Míguez; a directora do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Concepción Paz, e persoal investigador Jacobo Porteiro e María Ángeles Sanromán. Da UDC acudiron o director científico do Centro de Investigacións Tecnolóxicas, Armando Yáñez; o director da ETS de Náutica e Máquinas, Manuel Romero e de maneira telemática o director do Departamento de Física e Ciencias da Terra, o catedrático Óscar Cabeza.
