Ir o contido principal

As universidades galegas e a Consellaría acordan colaborar no financiamento de infraestruturas científicas e técnicas

Os tres reitores galegos asinaron este mércores na Cidade da Cultura un convenio de colaboración coa Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para prover, manter e actualizar as infraestruturas científicas e técnicas para un uso compartido do persoal investigador e para varios proxectos que faciliten unha investigación científico-técnica de calidade nas tres universidades públicas galegas. En concreto, a Consellaría colaborará no co financiamento do que as tres universidades necesitan para afrontar o custe total –12 millóns de euros– dos investimentos subvencionados. Achegará nos exercicios de 2015 e 2016 un 20% do investimento (2.477.275 euros, dos que 859.440,91 correspóndenlle á USC), mentres que o 80% restante procederá das axudas que a USC, a UDC e a UVigo obtiveron do Goberno central a través do Plan estatal de investigación científica e técnica e de innovación 2013-2016 (Plan estatal I+D+i). Esta actuación enmárcase no Programa Operativo da Economía do Coñecemento dos Fondos FEDER asignados para Galicia, no que dos 11.390.000 euros de dotación total 9.558.000 se resolveron a favor das universidades. Ao abeiro destas axudas, as universidades públicas galegas poderán adquirir equipamento para a investigación en eidos como a medicina, a biomedicina, a veterinaria, a enxeñaría civil e a aeronáutica, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.06.2015.