Ir o contido principal

As universidades galegas e a Consellaría acordan optimizar os seus recursos en investigación para consolidar a súa actividade científica

As universidades galegas e a Consellaría acordan optimizar os seus recursos en investigación para consolidar a súa actividade científica
As universidades galegas e a Consellaría acordan optimizar os seus recursos en investigación para consolidar a súa actividade científica

Os reitores das tres universidades galegas, Juan Viaño, Julio Abalde e Salustiano Mato, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantiveron este venres unha reunión de traballo para tratar de impulsar de forma eficiente as estruturas de investigación universitarias de maneira que permita aumentar a produtividade científica.

A tal fin asinaron un acordo de colaboración, dotado con 540.000 euros a razón de 180.000 euros por universidade, que ten por obxecto acadar a ordenación, estruturación e potenciación das ferramentas de investigación coas que conta o Sistema Universitario Galego (SUG)e así asegurar a súa estabilidade, optimizar a utilización de recursos e evitar a duplicidade de infraestruturas.

Agora, co apoio da Consellaría, as tres universidades deberán elaborar un mapa das estruturas científico-tecnolóxicas e da oferta de servizos asociados cos que contan; identificar as novas agrupacións estratéxicas; e elaborar un plan de reforzo de liderado científico. Toda esta información permitirá deseñar e planificar un modelo de organización e funcionamento común, definir un marco estratéxico de accións, identificar e aproveitar as fortalezas do sistema público de I+D en Galicia e detectar ámbitos de investigación cun elevado potencial de aplicación en sectores e tecnoloxías claves para a economía galega.

Axudas a Starting Grant
Doutra banda, tamén se formalizou o convenio coas universidades de Santiago e de Vigo a través do cal a Consellaría realizará unha achega complementaria de 525.000 euros, que se suman aos outorgados polo Consello Europeo de Investigación (ERC), para que os tres investigadores principais (dous da USC e un da UVigo) que acaban de incorporarse a unha axuda do programa Starting Grant (StG) en Galicia poidan crear ou consolidar aquí o seu propio equipo ou programa de investigación.

Coa incorporación destes tres científicos, no SUG desenvolven actualmente a súa actividade once investigadores premiados polo ERC. Na Universidade de Santiago están traballando seis Starting Grant e un Advanced Grant; na Universidade de Vigo un Starting Grant e un Consolidator Grant; e na Universidade da Coruña dous Starting Grant.

Mellora nos ránkings
Nesa mesma reunión acordaron ademais traballar para avanzar na mellora do posicionamento do SUG nos ránkings de prestixio internacional. O obxectivo é definir accións que melloren a situación das universidades nun ou en varios listados de prestixio.

A contía inicial prevista para esta iniciativa -que deberá concretarse nun convenio específico- é de un millón de euros (tal como se recolle no actual Plan de Financiamento) e, para o exercicio 2107, a proposta é financiar ata un máximo de dúas accións para cada universidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.09.2016.