As tres universidades galegas desenvolverán un pioneiro posgrao de Xestión e Dirección Laboral

As tres universidades galegas impulsarán co apoio da Consellaría de Traballo un Máster de Xestión e Dirección Laboral, en virtude do convenio de colaboración asinado este martes. Esta iniciativa de formación universitaria, segundo se puxo de manifesto no acto de sinatura, ten como finalidade superar unha lagoa en recursos humanos derivada da falta de continuidade entre os estudos en relacións laborais e unha titulación de ciclo longo.
O desenvolvemento deste posgrao pretende dar resposta á demanda dos actuais titulados universitarios e ás súas expectativas de formación nunha área de actividade punteira no desenvolvemento da Comunidade Autónoma galega. A oferta docente abranguerá os campus que contan coa titulación de Relacions Laborais, como son Santiago, Lugo, Vigo, Ourense e Ferrol.
O programa do posgrao Xestión e Dirección Laboral, que coordinará a Universidade de Vigo, constará dun primeiro ano de programa lectivo común, de 60 créditos de duración (600 horas). No segundo ano incluirá tres especialidades diferentes, doutros 60 créditos cada unha.
O contido común ten como obxectivo incrementar a formación de persoas procedentes de distintas titulacións, a través dun programa multidisciplinario no que converxen diferentes materias do ámbito xurídico e xurídico-laboral, con especial atención á organización de empresas e os recursos humanos. As especialidades do segundo ano son as de xestión sociolaboral, de recursos humanos, e especialista en Seguridade Social.