Ir o contido principal

As universidades galegas inauguraron en Santiago o novo curso académico

O titular da Xunta presidiu o acto en presenza dos tres reitores galegos
O titular da Xunta presidiu o acto en presenza dos tres reitores galegos

Comezou o curso académico 2010-2011 nas tres universidades galegas. Foi nunha sesión protocolaria que presidiu o titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca da USC. Nesta cerimonia, coa presenza dos tres reitores, o catedrático de Medicina Legal Luis Concheiro Carro impartiu a lección inaugural -‘Das relacións entre a medicina e o dereito’- que, por outra banda, foi a súa última intervención oficial como catedrático en activo. Propuxo o profesor que o ensino e a investigación da Medicina e o Dereito conflúan en base a novas e imaxinativas formas de cooperación. Nas súas primeiras verbas Juan Casares agradeceu ao profesor Concheiro a súa lección, “un excelente exemplo da mellor dimensión do universitario: saber conxugar a especialización nun determinado campo coa apertura e o contacto con outras áreas de coñecemento”. Identidade universitaria Presentou o reitor compostelán o seu discurso a modo de reflexión sobre a identidade da Universidade en si e a realidade das tres universidades galegas no seu conxunto. Dende esta óptica, as universidades hoxe deben continuar a cumprir co seu papel “no compromiso social non escrito de xerar novo coñecemento, subministrarlle á sociedade cidadáns e cidadás informados e capacitados para liderar os cambios que están a vivir”, preparar profesionais competentes e achegar servizos e formación ao longo da vida. A cambio disto Juan Casares demandou da sociedade apoio e achega ao financiamento universitario, ao tempo que “aceptación do criterio profesional e acreditación académica e concesión de autonomía institucional e liberdade de cátedra”. Trátase dun compromiso mutuo no que a institución universitaria ten que asumir unha obriga recíproca de “educación imparcial, de integridade persoal, de sensibilidade fronte ás necesidades da sociedade e de rendición de contas pública e completa”, tal e como se recolle na Declaración de Glion. “Estamos a vivir un fito histórico”, subliñou o reitor Casares ao lembrar o proceso iniciado hai dous anos de substitución dende o primeiro curso de todas as titulacións polos novos graos no marco do Espazo Europeo de Educación Superior. A Universidade galega oferta neste contexto 128 graos e 206 posgraos “co que o novo paradigma de ensino-aprendizaxe se consolida”. No eido da investigación -“función principal, xunto á docencia, de toda universidade”- o reitor referiuse aos graos de desenvolvemento acadado nas últimas tres décadas, evolución que permite actualmente afirmar que as galegas “somos universidades investigadoras”. A este respecto apelou á necesidade de fomentar a investigación básica, “a que vai adiantando novos horizontes científicos”, pois supón a adquisición de coñecemento sobre a realidade e permite os procesos asociados á investigación aplicada e orientada. Dito isto, Casares concluíu resaltando a necesidade de priorizar no próximo Plan de Financiamento “o apoio á actividade e ao desenvolvemento das universidades para garantirlle un futuro de benestar ás xeracións futuras”. Nun contexto de consolidación do novo modelo de ensino-aprendizaxe, “sen que en ningún momento as administracións públicas fixesen unha valoración do esforzo económico que supón” e de recorte dos recursos para a investigación, para Casares é “ imperativo” que a sociedade galega “asuma o compromiso co Sistema Universitario Galego”. Personalidades asistentes A cerimonia contou coa asistencia dun importante número de personalidades do eido político, civil e académico. Entre outros, asistiron a presidenta do Parlamento, o delegado do Goberno, os conselleiros de Educación e Sanidade, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o fiscal Superior, os alcaldes de Santiago e Lugo e os presidentes dos Consellos Sociais das tres Universidades galegas. A cerimonia celebrouse no Colexio de Fonseca da USC O profesor Luis Concheiro foi o encargado de pronunciar a lección inaugural A comitiva de togados pechábana o conselleiro de Educación, o profesor Concheiro, os tres reitores e o presidente da Xunta Na mesa presidencial tamén estiveron os presidentes dos Consellos Sociais das tres universidades galegas

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.09.2010.