As universidades galegas inician o curso 2016-2017 cun acto conxunto na USC o venres 9
O curso 2016-2017 no Sistema Universitario Galego comezará o vindeiro venres 9 de setembro coa celebración do acto inaugural conxunto das tres universidades galegas. A sesión comezará ás 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e nel está previsto que a lección inaugural a pronuncie o catedrático de Lingua Española Alexandre Veiga, para falar sobre ‘O labor dos copistas dun texto poético de Clerecía’.
A do próximo día 9 será unha xornada non lectiva na USC, se ben manterán a súa normal actividade e horarios de atención ao público as Unidades de Xestión Académica (UXA) do Campus Norte, de Campus Vida e do Campus de Lugo, así como o Servizo de Xestión Académica e a Oficina de Información Universitaria.