Ir o contido principal

As universidades galegas inician este venres na USC o curso 2016-2017

As universidades galegas celebrarán este venres 9 na USC o acto conxunto de inauguración do curso 2016-2017. A sesión comezará ás 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa presenza dos tres reitores, Juan Viaño (USC), Julio Abalde (UDC) e Salustiano Mato (UVigo) e do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. Completarán a mesa presidencias os presidentes dos Consellos Sociais de Santiago e Vigo, José Mª Arias Mosquera e Ernesto Pedrosa Silva, respectivamente.

Ademais do discurso que pronunciará o reitor compostelán en nome das institucións que conforman o Sistema Universitario Galego, está previsto que a lección inaugural a pronuncie o catedrático de Lingua Española da USC Alexandre Veiga, para falar sobre ‘O labor dos copistas dun texto poético de Clerecía’.

Esta sesión inaugural poderá seguirse a través de USC-TV no seu canal directo (http://tv.usc.es/directo.html).

Servizos abertos ao público
A deste venres 9 será unha xornada non lectiva na USC, se ben manterán a súa normal actividade e horarios de atención ao público as Unidades de Xestión Académica (UXA) do Campus Norte, de Campus Vida e do Campus de Lugo, así como o Servizo de Xestión Académica e a Oficina de Información Universitaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.09.2016.