Ir o contido principal

As universidades galegas e a Xunta avanzan nunha estratexia para mellorar a calidade formativa do profesorado

O reitores e o conselleiro co informe. Foto: Xunta de Galicia
O reitores e o conselleiro co informe. Foto: Xunta de Galicia
Presentaron un documento pioneiro no Estado que analiza as competencias profesionais docentes en Galicia e reflexiona sobre as que o estudantado de Maxisterio deberían adquirir na carreira

O reitor Juan Viaño asistiu este venres xunto aos seus homólogos da Coruña e Vigo, Julio Abalde e Salustiano Mato, e o conselleiro Román Rodríguez á presentación do documento de mellora da formación docente en Galicia, un traballo pioneiro en toda o Estado, segundo a administración autonómica. É un documento de conclusións do grupo de traballo constituído con representantes das facultades de Ciencias da Educación das tres universidades galegas xunto con representantes da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para analizar as competencias profesionais docentes en Galicia e reflexionar sobre as que o estudantado de Maxisterio deberían adquirir na carreira. Da USC integraron este grupo de traballo a profesora Carmen Fernández Morante e Francisco Rodríguez Lestegás.

O reitor Juan Viaño considera que o informe “vai asentar un dos alicerces imprescindibles para que a educación dos nosos nenos e nenas sexa mellor e para poder cumprir a proposta que xa fai moitos anos achegaba frei Martín Sarmiento: preparar mestres e mestras que ‘dispoñan aos nenos, non para que aprendan (...), senón para que queiran aprender”. A diagnose que presenta o traballo “é imprescindible para acometer con seriedade a segunda parte do documento, fundamentada nas propostas” , na medida en que se presentan “fórmulas que terán que ser debatidas e consensuadas pola maior cantidade posible de persoas implicadas”.

Conclusións e recomendacións
O documento elaborado polo grupo de traballo conclúe que é preciso que a formación inicial e permanente do profesorado se aliñe arredor dun traballo equilibrado das diferentes competencias e subcompetencias profesionais docentes sen deixar de lado cuestións de relevancia como as habilidades relacionadas coas TIC. Ademais, é necesario que a formación inicial do profesorado poida ofrecer coñecementos relevantes para a práctica na xestión de organizacións educativas tanto a nivel de aula como de centro e mesmo de sistemas educativos.

Para iso, segundo o documento, resulta clave que se manteña o diálogo entre as universidades e a Rede de Formación Permanente do Profesorado para enriquecer a concreción das competencias previstas na lexislación nos plans de estudos, identificar as necesidades formativas e articular accións que melloren as prácticas docentes, de xeito que a formación dos mestres manteña os estándares de calidade que o avance da demanda social impón, sempre dende o máximo respecto á autonomía universitaria.

Así mesmo, dende o propio grupo de traballo ou comisión semellante, será necesario promover o establecemento dun marco formativo integrado para os docentes que resulte da coordinación entre a oferta de posgrao existente no SUG e a da Rede de Formación Permanente do Profesorado. As sinerxías entre estes axentes deberían posibilitar unha oferta axustada permanentemente ás necesidades do noso sistema educativo. Neste sentido, impulsarase a creación dun mestrado interuniversitario en Innovación e Investigación en Educación infantil e primaria.

Entre as recomendacións do documento están tamén a realización de actividades formativas conxuntas que poñan en contacto tanto ao profesorado como ao alumnado nunha verdadeira comunidade de aprendizaxe ou a difusión conxunta da investigación e as boas prácticas en materia de formación.

Así mesmo, proponse a aprobación dun Protocolo de Prácticas común, un marco de traballo seguro, efectivo e eficaz para todo o alumnado con independencia do centro ou centros onde realice as súas prácticas ao longo da súa formación inicial e que facilite o labor do profesorado titor, tanto das universidades como dos propios centros educativos.

Grupo permanente
Tras a presentación deste documento, o grupo continuará o seu traballo para realizar os axustes permanentes en base ás recomendacións e conclusións ás que chegou, co fin de avanzar cara aos obxectivos de forma progresiva.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.04.2017.