Ir o contido principal

As universidades galegas e a Xunta colaboran na adquisición e mellora de equipamento e instalacións científico-técnicas

De esquerda a dereita, Manuel Reigosa, Román Rodríguez, Antonio López e Julio Abalde. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Manuel Reigosa, Román Rodríguez, Antonio López e Julio Abalde. FOTO: Santi Alvite
O convenio presentado este martes está dotado con preto de sete millóns de euros “para optimizar as súas capacidades en investigación e transferencia de coñecemento”
Lugo, Santiago de Compostela

USC, UDC, UVigo e a Xunta acaban de selar un acordo de colaboración a través do cal o Sistema Universitario de Galicia (SUG) dótase de preto de sete millóns de euros para a adquisición e mellora de equipamento e instalacións científico-técnicas. O reitor da USC, Antonio López; mais os reitores da UVigo e da UDC,  Manuel Reigosa e Julio Abalde, así como o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentaron este acordo que salienta “a necesidade de fomentar accións que conduzan ao desenvolvemento de capacidades e servizos para a xestión do coñecemento científico e a valorización das actividades e resultados de investigación”.  

O documento establece como prioridade a planificación, desenvolvemento integrado e consolidación da adquisición e mellora de equipamento e instalacións científico-técnicas do SUG, tanto dirixidas á investigación como á docencia, “para optimizar as súas capacidades en investigación e transferencia de coñecemento”.  

As universidades poderán destinar o orzamento do convenio a gastos de equipamento dos grupos, institutos e centros de investigación e de unidades docentes, sempre que estean incluídos ou asociados á realización de proxectos de investigación, a equipamento científico e para infraestruturas de investigación, á elaboración de proxectos de obras ou reformas, á dotación de laboratorios e ás ferramentas de xestión do coñecemento e información tales como aplicacións informáticas, bases de datos ou licenzas software entre outros.

A USC recibirá unha contía total de 3.263.642 euros, dos cales, 484.000 euros destinaranse  para a dotación do hospital veterinario universitario Rof Codina no Campus de Lugo a través de equipos de ecografía para anestesia e oftalmoloxía, torre de videoendoscopia dixital, máquinas de anestesia e ecógrafos para equinos ou equipamento para quimioterapia. O resto da orzamento cubrirá distintas necesidades das escolas e facultades, entre outros espazos docentes e de investigación.

O documento establece como prioridade a planificación, desenvolvemento integrado e consolidación da adquisición e mellora de equipamento e instalacións científico-técnicas do SUG. FOTO: Santi Alvite
O documento establece como prioridade a planificación, desenvolvemento integrado e consolidación da adquisición e mellora de equipamento e instalacións científico-técnicas do SUG. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.12.2021.