Ir o contido principal

As universidades galegas e a Xunta consideran prioritario traballar conxuntamente no impulso das competencias dixitais

A xuntanza celebrouse este xoves a través de videoconferencia. Foto: Xunta de Galicia
A xuntanza celebrouse este xoves a través de videoconferencia. Foto: Xunta de Galicia
Sen minguar as fortalezas do sistema presencial no ensino universitario público de Galicia, administración e universidades pretenden consolidar as ferramentas creadas con motivo da suspensión da actividade educativa presencial

Os reitores das universidades galegas Antonio López (USC), Julio Abalde (UDC) e Manuel Reigosa (UVigo) acordaron este xoves coa conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar,  establecer un marco de colaboración para traballar no impulso das competencias dixitais no ensino universitario na comunidade. Neste senso, na xuntanza quedou constancia da necesidade de situar ao alumnado como centro das medidas, organizando a actividade docente en función de tres posibles escenarios (presencial, semipresencial e a distancia) e potenciar tanto a avaliación continua como a formación en competencias dixitais.

Sen minguar as fortalezas do sistema presencial no ensino universitario público de Galicia, trátase de avanzar na mellora da docencia a distancia e na consolidación das ferramentas creadas con motivo da suspensión da actividade educativa presencial. Xunta e Universidades coincidiron na necesidade de unir esforzos neste obxectivo, ofrecéndolles aos centros a posibilidade de adaptarse ás novas metodoloxías de ensino. Na xuntanza,  Carmen Pomar tamén informou do desenvolvemento da Conferencia General de Política Universitaria de onte, na que se anunciou que as CCAA disporán de financiamento, a través dos do fondos europeos, para a renovación pedagóxica e tecnolóxica.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2020.