As universidades galegas e a Xunta selan o Plan de Financiamento Universitario 2022-2026

Os reitores das tres universidades galegas e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, rubricaron este venres 18 o Plan Galego de Financiamento Universitario que se estenderá entre 2022 e 2026. “É positivo que manteñamos a continuidade de plans de financiamento quinquenais para o Sistema Universitario de Galicia”, afirmou o reitor da USC, Antonio López, quen tamén se amosou satisfeito polo feito de que se contemple un plan complementario de infraestruturas. Que se habiliten os fondos de investigación “dun xeito máis estrutural para atender ás novas necesidades” foi outra das cuestións subliñadas por Antonio López. Tamén tomaron parte no acto os reitores da UVigo, Manuel Joaquín Reigosa, e da UDC, Julio Abalde. O plan mobilizará máis de 3.200 millóns de euros no vindeiro quinquenio.
Trátase dun “acordo de país, que amosa que a capacidade de diálogo e cooperación entre as administracións e institucións públicas son claves para chegar a consensos e avanzar”, afirmou o presidente Alberto Núñez Feijóo. Máis polo miúdo, o titular do Executivo autonómico explicou que o novo plan divídese en dous fondos: un financiamento non condicionado, é dicir, fondos de libre disposición para os campus, como por exemplo, para gasto corrente e mantemento de infraestruturas; ou para o plan de viabilidade financeira, eficiencia e mellora enerxética. E un financiamento da investigación para impulsar a I+d+i, cun 41% máis de investimentos, ata chegar aos 400 millóns de euros no quinquenio.
Folla de ruta
A finais do pasado ano, USC, UDC e UVigo chegaron a un acordo co goberno autonómico no que se asentaban as bases que deberían rexer o plan rubricado este venres 18. O novo plan de financiamento centra as actuacións en seis eixos considerados fundamentais para a mellora dos resultados do Sistema Universitario de Galicia. O primeiro deles é o financiamento, para o que se terá en conta a determinación do financiamento global das universidades, contabilizando todos os fondos que reciban fóra do plan, públicos e privados. Outro dos principais eixos é a internacionalización, para o que se promoverá a posición das universidades galegas en niveis competitivos a nivel global nas diferentes listaxes ou clasificacións a nivel mundial. Ao tempo, no marco do terceiro eixo, impulsaranse as relacións universidade-empresa.
Entre os obxectivos primordiais tamén figura a docencia innovadora, polo que se promoverán novas metodoloxías docentes ou o desenvolvemento das competencias específicas para cada título. Todo acompañado dun desenvolvemento acelerado das tecnoloxías facilitadoras do proceso formativo. Outro dos eixos consiste no impulso da investigación avanzada, para o que se abordará un novo salto de calidade cun modelo propio de carreira investigadora, a consolidación da rede dos centros e o incremento da captación de talento fóra da universidade galega. Finalmente, procurarase unha maior sustentabilidade social e medioambiental das universidades, xerando continuo impacto positivo para acadar unha sociedade máis xusta e máis proactiva co coidado do planeta e coa loita contra o cambio climático.
