Ir o contido principal

As universidades galegas, xunto coas de Cantabria e Cádiz, imparten cursos de software libre en xullo e setembro

O Nodo CESGA que conforman as Universidades de Santiago, Vigo e A Coruña xunto co propio Cesga está a organizar un curso intensivo i-MATH de Software Libre orientado a Ciencias e Enxeñaría e enmarcado no proxecto Consolider i-MATH. O equipo está liderado pola súa coordinadora Peregrina Quintela Estévez.
Dirixido a investigadores, técnicos de empresas e alumnos de grao e máster, o curso pretende mostrar a gran capacidade actual do software libre para resolver problemas estándar. En particular, a actividade analiza paquetes de software de gran difusión no contexto académico que van dende software matemático básico ata software máis avanzado con orientación cara á Matemática Discreta, a Estatística, o Deseño Asistido por Ordenador ou a Simulación Numérica de diversos procesos físicos que poidan chegar a acoplarse entre eles.
O curso componse de seis materias (Software Matemático Básico, Deseño Asistido por Ordenador, Simulación Termomecánica de Procesos: Code-Aster, Simulación en Multifísica: ELMER, Entorno Estatístico R e Software en Matemática Discreta) que teñen, cada unha, dúas edicións e que se imparten nas Universidades de Santiago, A Coruña, Vigo, Cádiz e Cantabria.
Ademais do soporte xeral do Nodo CESGA, para esta actividade cóntase coa participación de 17 profesores, cada un experto nunha das materias ofertadas e do correspondente software implementado. Os organizadores agardan unha asistencia de arredor de 150 persoas, entre investigadores e técnicos de empresa no ámbito das Ciencias e a Enxeñaría, profesores de secundaria interesados nunha formación continua, alumnos de últimos cursos de grao e de posgrao.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.07.2008.