Universidades de Galicia e do norte de Portugal crean o programa IACOBUS para a cooperación cultural e científica na eurorrexión
A Universidade de Santiago de Compostela, xunto con outras 10 universidades de Galicia e o Norte de Portugal, participará no programa IACOBUS para a cooperación cultural, científica e pedagóxica na eurorrexión. Os representantes das entidades involucradas na iniciativa asinaron este venres 11 o protocolo de colaboración a través do que se promoverá o desenvolvemento do ensino superior graduado e posgraduado, a investigación científica e tecnolóxica e, en especial, o fomento da formación dos seus estudantes e profesores e a difusión da cultura, na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
O programa IACOBUS comprenderá plans concretos para a colaboración entre as distintas comunidades universitarias (estudantes, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos) nas materias de formación, intercambio de información e documentación, cursos de posgrao e máster, a realización de seminarios, conferencias, coloquios, encontros e xornadas, así como a publicación e a edición de proxectos científicos e de cooperación educativa.
O protocolo de colaboración foi asinado pola Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo, a Universidade do Porto, a Universidade do Minho, a universidade de Tras-Ós-Montes e Alto Douro, a Universidade Católica Portuguesa-Centro Regional do Porto, o Instituto Politécnico do Porto, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, o Instituto Politécnico de Bragança, o Instituto Politécnico do Cádavo e do AVE e a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal.