Ir o contido principal

As universidades de Santiago e A Coruña realizarán un estudo sobre a promoción da participación e do asociacionismo de base en Rianxo

A colaboración presentouse este mércores en Rianxo con presenza dos reitores de Santiago e A Coruña e dos dous equipos de investigación implicados
A colaboración presentouse este mércores en Rianxo con presenza dos reitores de Santiago e A Coruña e dos dous equipos de investigación implicados

As universidades de Santiago e A Coruña desenvolverán para o concello de Rianxo un estudo de diagnose e proposta de liñas estratéxicas e operativas para a promoción da participación e do asociacionismo de base neste concello. Os detalles da colaboración presentáronos publicamente este mércores 22 en Rianxo os reitores das universidades de Santiago e A Coruña, Juan Viaño e Julio Abalde Alonso, xunto co alcalde do Concello de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez, e os responsables científicos do traballo, os profesores Héctor Pose Porto da Coruña e José Antonio Caride Gómez da USC.

O obxectivo desta colaboración será desenvolver unha diagnose sobre a situación actual da participación social en Rianxo así como recoller as principais necesidades e demandas do asociacionismo sen ánimo de lucro local. Tamén se valorarán as actuais políticas municipais de promoción de participación social dende a perspectiva dos axentes sociais e de persoas de relevancia no ámbito local. O informe técnico a elaborar proporá liñas estratéxicas que canalicen o actuar político e técnico neste ámbito da acción local a medio prazo. Tamén deberá suxerir iniciativas de carácter máis instrumental e operativo que tenten fornecer o labor educativo, social, cultural ou ambiental cara a unha maior e mellor participación social neste concello coruñés. O traballo estenderase ata o próximo 30 de decembro de 2016.

O reitor Juan Viaño puxo en valor a participación cidadá, por representar “un dos eixes de calquera sociedade democrática e polo tanto é algo que debe merecer a atención das institucións políticas, académicas e investigadoras”, sinalou xustificando o acordo alcanzado entre a alcaldía e as universidades. Neste senso afirmou que “este tipo de colaboración institucionais dan sentido a un sistema público que debe estar sempre preocupado polo benestar do cidadán”. Viaño agradeceu a sensibilidade mostrada polo concello de Rianxo, por ter sido quen de comprender que nas sociedades existen problemas e que “a solución sempre será mellor se se realiza en colaboración”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.06.2016.