Ir o contido principal

Universidades e Xunta negocian unha partida orzamentaria adicional para iniciativas de innovación e dixitalización

Os tres reitores reuníronse este martes co conselleiro. Foto: Xunta de Galicia
Os tres reitores reuníronse este martes co conselleiro. Foto: Xunta de Galicia
Dun total de 10 millóns de euros que achegará a administración autonómica, a USC recibirá 4,04 millóns
Lugo, Santiago de Compostela

As tres universidades galegas e a Xunta de Galicia pecharon este martes o reparto dun novo fondo de 10 millóns de euros adicionais para o impulso da innovación e dixitalización das infraestruturas e servizos no Sistema Universitario Galego. O tres reitores xunto con conselleiro de Cultura, Educación e Universidades mantiveron un encontro no que definiron a estruturación das accións a levar a cabo con cargo a este fondo e que quedarán plasmadas de xeito pormenorizado nun convenio de colaboración que se materializará proximamente.

O conxunto de accións previstas cínguense aos ámbitos específicos da innovación e a dixitalización tanto en infraestruturas como en servizos o que “suporá un impulso da modernización universitaria en Galicia de cara aos próximo anos”. O criterio de reparto establécese en base ao peso dos créditos de matrícula auditados para cada unha das universidades no período 2019-21. Deste xeito, a USC cunha porcentaxe de crédito do 40,4% sobre o total, recibirá 4,04 millóns de euros; UVigo, 3,16 millóns; e UdC, 2,8 millóns de euros.

No caso da USC, a institución compostelá centrará o investimento na adecuación das infraestruturas aos cambios dixitais, dándolle un pulo á administración electrónica e a procesos de dixitalización, así como ao acondicionamento da Facultade de Medicina neste eido e ao proceso de licitación do proxecto básico do edificio da Cidade da Saúde.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.01.2021.