Os universitarios de Lugo aprenden a cociñar de xeito ecolóxico
Os estudantes da USC bolseiros do Plan de Desenvolvemento Sostible desenvolverán este xoves 20 un curso de cociña ecolóxica dirixido aos universitarios do Campus de Lugo co obxectivo de potenciar o consumo de produtos locais, de comercio xusto e dos obtidos ecoloxicamente.
Neste obradoiro, que comezará ás 17:00 horas na Residencia Universitaria Bal y Gay, unha cociñeira guiará aos asistentes na elaboración dun menú completo, con dous pratos e sobremesa, totalmente vexetariano. Ao mesmo tempo, os bolseiros tentarán concienciar aos participantes da importancia de levar a cabo unha cociña sa e con produtos ecolóxicos e respectuosos co medio ambiente. Neste senso, incidirán tanto no xeito e nos lugares de realizar a compra como no xeito de cociñar os produtos para que o consumo enerxético sexa o menor posible.
Este curso pioneiro enmárcase nas actividades do programa de divulgación sobre a pegada ecolóxica que a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC promove coa colaboración da Federación Ecoloxista Galega e a Sociedade Galega de Educación Ambiental.