Ir o contido principal

Os universitarios, protagonistas da segunda Festa do Deporte e da Cultura

Os galardoados recibiron unha edición personalizada de 'Sigillum. Memoria e Identidade da Universidade de Santiago de Compostela'

A Universidade de Santiago celebrou este xoves 17 a segunda edición da Festa do Deporte e da Cultura co obxectivo de homenaxear a todas as persoas que representaron á USC, tanto no eido cultural como deportivo. Presidida polo vicerreitor de Cultura Elias J. Torres, a xuntanza tamén contou coa presenza da directora xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Souto; e dos responsables das Áreas de Deportes e de Cultura da USC, Mariano García-Verdugo e Pedro Sampedro Magán, respectivamente.
O actor do Grupo de Teatro do Campus de Lugo, Diego Meizoso, presentou o encontro que comezou cunhas declaracións de Marta Souto sobre a importancia do deporte universitario. Ademais, a directora xeral lembrou a Alejandra Fernández, homenaxeada neste acto que faleceu o pasado mes de decembro.
Deseguido, comezou a entrega de distincións por orde alfabético intercalada coas actuacións do grupo de teatro e de danza da USC xunto cunha mostra en vivo da Escola Deportiva de Karate.
Como peche da xornada, o vicerreitor de Cultura deu a coñecer as liñas xerais da política cultural e deportiva que a universidade levará a cabo de cara ao futuro. Asemade, Elias J. Torres destacou varias actuacións xa realizadas como a sinatura dun convenio, promovido pola USC, entre as tres universidades galegas e as consellarías de Cultura e Deporte e de Educación e Ordenación Universitaria para a celebración de campionatos conxuntos.
En xeral, lembrou que a finalidade do deporte na USC é a mellora da calidade de vida de todas as persoas e que para iso, leváronse a cabo as reformas da piscina universitaria ou a sala de acondicionamento físico, entre outras accións.
Libro personalizado como distinciónOs distinguidos durante o acto recibiron como premio unha edición personalizada do libro Sigillum. Memoria e Identidade da Universidade de Santiago de Compostela. Elaborado por distintos membros da universidade, a obra recolle un estudo pormenorizado sobre o xénero do retrato e dos vítores que conforman o patrimonio artístico da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.01.2008.