Ir o contido principal

Os universitarios da USC valoran moi positivamente a entrada en vigor da lei que regula o consumo de tabaco nos lugares públicos

Coincidindo con Día Mundial Sen Tabaco a USC publica datos sobre os hábitos de consumo de tabaco entre a comunidade universitaria

Este sábado 31 celébrase o Día Mundial sen Tabaco baixo o lema ‘Xuventude libre de tabaco’, unha cuestión á que a USC non permanece allea. Dende 2006 desenvolve a campaña ‘Deixa o fume fóra’ promovida pola Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación.
Para avaliar o alcance da campaña, en 2007 realizáronse un total de 845 enquisas, das que se desprende que o persoal da USC continúa a pensar que a entrada en vigor da lei que regula o consumo de tabaco nos lugares públicos afectou positivamente ao estado de saúde. Esta percepción positiva aumentou con respecto ao ano anterior dun 73,1% a un 77,5% no caso dos estudantes, dun 72,8% a un 77,2% no PDI e dun 69,6% a un 76,9% no PAS.
Con respecto ao consumo de tabaco, a enquisa amosa que unicamente o 30,5% dos estudantes, o 21,7% do PDI e o 27,5% do PAS fuma actualmente. Ademais, das persoas que fumaron algunha vez deixaron o hábito o 37 por cento dos alumnos, o 38,6% do PDI e o 42,2% do PAS. O resto corresponde a persoas que non fumaron nunca.
Apoio médico e psicolóxicoA campaña, que conta coa colaboración do Servizo de Vixilancia da Saúde, da Unidade de Tabaquismo da Facultade de Psicoloxía e do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía e Saúde Pública, trata de ofrecer apoio médico e psicolóxico a todos os membros da comunidade universitaria que desexen abandonar o tabaco para mellorar a súa saúde.
Entre as accións que se realizaron no marco desta iniciativa cabe salientar o apoio ofertado nas unidades de apoio ao cesamento dos hábitos tabáquicos. Durante o ano 2007 un total de 76 membros da comunidade universitaria recibiron tratamento, tanto en intervencións individuais como en grupo.
A campaña tamén desenvolve actividades complementarias como a difusión de material divulgativo ou avaliacións gratuítas de CO no aire expirado para membros da comunidade universitaria.
O Día Mundial sen TabacoO Día Mundial sen Tabaco promóveo a Organización Mundial da Saúde dende 1988 para destacar diferentes temas relacionados coa problemática asociada ao consumo de tabaco. Dende a OMS sinalan que esta é a principal causa evitable de morte no mundo, sendo o único produto de consumo legal que mata entre un terzo e a metade dos seus consumidores cando se usa tal e como indican os seus fabricantes.
Diminuír o consumo de tabaco é unha prioridade da saúde pública por ser a segunda causa de mortalidade mundial, provocando actualmente unha de cada dez defuncións de adultos (uns 5 millóns de mortes). As estimacións da OMS é que, de manterse as pautas actuais de tabaquismo, o seu consumo provocará uns 10 millóns de defuncións anuais en 2020.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.05.2008.