Ir o contido principal

A USC abordará en Meira, do 22 ao 26 de xullo, a situación actual e as posibilidades do aproveitamento futuro da biomasa forestal

O prazo de inscrición neste curso de verán, recoñecido por dous créditos de libre elección e dirixido por Roque Rodríguez Soalleiro, remata o venres 12 de xullo

A Universidade de Santiago de Compostela abordará do 22 ao 26 de xullo en Meira a situación actual e as posibilidades de aproveitamento futuro da biomasa forestal para uso enerxético no Noroeste peninsular no marco do curso de verán ‘Biomasa forestal e bioenerxía’, dirixido polo catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC, Roque Rodríguez Soalleiro.

Os relatores convidados a participar neste seminario formativo, incluído na programación da Universidade de Verán 2013, abordarán neste curso a produción, cuantificación, recolección, transporte, comercialización e o uso enerxético da biomasa, ao tempo que farán especial fincapé no uso térmico de biocombustibles sólidos como madeira, estelas e densificados como pélets e briquetas. As aplicacións da biomasa forestal en sistemas de calefacción, ACS e climatización renovable nos ámbitos domésticos e municipal, así como a súa utilización industrial e as perspectivas de desenvolvemento tecnolóxico, serán outra das cuestións que se analizarán neste curso de verán, un seminario estruturado en oito charlas e mesas redondas nas que intervirán vinte relatores. As propiedades enerxéticas e a cuantificación da biomasa forestal, así como as limitacións ambientais que afectan ao aproveitamento enerxético da biomasa forestal centrarán os relatorios da xornada de apertura deste curso, cuxos relatores abordarán ao día seguinte cuestións ligadas á maquinaria, rendementos e parques de biomasa, ademais de presentar a ferramenta Wisdom de loxística de biomasa. Os biocombustibles sólidos, as instalacións de uso térmico, viabilidade de proxectos e instalacións de coxeneración serán os temas que capitalicen os relatorios programados para as dúas últimas xornadas deste seminario estival da USC.

As persoas interesadas en participar neste curso poden formalizar a súa inscrición ata o venres 12 de xullo en calquera das oficinas de Cultura da Universidade de Santiago ou a través da páxina web www.usc.es/cultura/uveran13cursos.htm., na que tamén poden atopar máis información ao respecto deste programa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.07.2013.