A USC abre este martes o segundo prazo de matrícula e de modificacións desta
A Universidade de Santiago abre este martes 16 e ata o 31 de marzo os prazos de matrícula tanto para modificala (para o estudantado xa matriculado no período ordinario) como para iniciar estudos en titulacións sen límite, continuar estudos ou matricularse en etapa de tese ou de investigación, cada unha coas súas seguintes especificidades.
Será este martes cando se abra o segundo período de modificación de matrícula para os estudantes xa matriculados no período ordinario. Así, poderá ampliarse en materias anuais e do segundo cuadrimestre de calquera tipo, ou ben para materias do segundo ciclo se no período ordinario de matrícula non se reunían os requisitos e agora, tras os exames do primeiro cuadrimestre, si se cumpren.
Ademais, só poderán modificarse as materias optativas ou de libre elección do segundo cuadrimestre coas limitacións que se establecen na convocatoria de matrícula, e no caso das materias de libre elección poderá realizarse a matrícula -ata cubrir o número total de prazas- nas materias anuais e do segundo cuadrimestre que teñan límite e non estivesen completas.
Só se poderá realizar unha ampliación e/ou modificación de matrícula neste prazo, e o número de créditos resultante non poderá ser inferior aos inicialmente matriculados. Excepcionalmente, para facilitar o axuste dos créditos por cambio de materias optativas ou de libre elección, autorizarase que o número de créditos resultante da modificación sexa como máximo 2 menos que os inicialmente matriculados.
Inicio e continuación de estudosNo caso do inicio de estudos –primeiro curso por primeira vez- en titulacións sen límite de prazas, só poderán solicitar esta matrícula os estudantes non matriculados no presente curso académico en estudos universitarios. A matrícula realizarase en materias anuais e do segundo cuadrimestre correspondentes ao primeiro curso (mínimo de 30 créditos).
Do mesmo xeito, para continuar estudos só poderán inscribirse neste prazo os estudantes non matriculados este ano en estudos universitarios. A matrícula realizarase en materias anuais e do segundo cuadrimestre.
Tese e investigaciónNo que respecta á matrícula na etapa de tese ou de investigación, para os que inician estudos ábrese este martes un segundo prazo que deberá formalizarse a través da secretaría virtual.
Xa para continuar estes estudos, os estudantes que foron admitidos na etapa de tese en cursos académicos anteriores deberán formalizar a matrícula de tutela académica por curso académico, non requiríndose a inscrición previa no presente curso.