A USC achega datos experimentais sobre os efectos en humanos e animais causados por tres toxinas mariñas e outra de agua doce

Os efectos que pode provocar en humanos e animais a inxesta das toxinas mariñas Paliotixna (PLTX), Ácido Okalaico (OA), Dinosfisstoxina 1 e 2 (DTX-1 e DTX-2), así como a toxina de auga doce Cilindrospermopsina centran a investigación realizada polo biólogo ourensán Diego Alberto Fernández Martínez no Departamento de Farmacoloxía da USC e cuxos resultados aparecen recollidos na tese de doutoramento ‘Mecanismos de toxicidade e permeabilidade transepitelial de toxinas marinas mariña de auga de doce’. Nesta tese de doutoramento, co dirixida polo catedrático Luis Miguel Botana, e as profesoras da USC Mª Carmen Louzao e Mercedes Rodríguez, Diego Alberto Fernández, achega diversos datos experimentais relacionados con cada unha das toxinas obxecto de estudo. De feito, en aras a coñecer mellor os danos provocados na saúde humana e animal, Diego Alberto Martínez investiga a citoxicidade e as alteracións citomorfolóxicas que estes compostos desencadean en células intestinais, hepáticas e nerviosas. Este investigador tamén avalía na súa tese de doutoramento a toxicidade oral mediante o estudo da permeabilidade intestinal, para o que emprega o método in vitro con células instestinais humanas Caco-2. Os resultados obtidos revelan que a PLTX, que é unha das toxinas mariñas máis potentes e pode provocar reaccións letais no home, exerce un efecto citotóxico marcado nas células intestinais humanas con cambios na ultraestrutura das mesmas e perda da integridade da monocapa sen afectar ás unións estreitas entre células. Aínda así, a súa permeabilidade intestinal é baixa, o que explica que a menor toxicidade desta toxina por vía oral que por outras vías de administración. O ácido Okalaico (OA) e a Dinosfisstoxina 1 e 2 (DTX-1 e DTX-2) tamén causan intoxicacións alimentarias debidas ao consumo de marisco contaminado con estas ficotoxinas. Os resultados da investigación mostran que a DTX-1 ten maior potencia cicotóxica que a OA e a DTX-2. Ademais, a DTX-1 afecta á integridade da monocapa de células Caco-2, actuando sobre unha das proteínas que forman as unións estreitas, como é a ocludina. Asemade, a permeabilidade intestinal da DTX-1 suxire que a toxicidade oral deste composto é maior que a da OA e a DTX-2. As toxinas de auga doce como a CYN pódese atopar en lagos, encoros, ríos e preseas, o que supón un risco asociado para a saúde asociado á auga de consumo. Os datos de permeabilidade indican un paso moderado de CYN a través do epitelio intestinal. Esta toxina apenas ten efectos tóxicos, nin afecta á integridade da monocapa en células Caco-2. Sen embargo, esta toxina si que altera a viabilidade da liña celular hepática Clone 9, pero a súa toxicidade non está relacionada cunha inhibición da síntese de proteínas ou cunha redución dos niveis de glutatión (GSH). Tribunal da tese e cualificación A catedrática de Toxicoloxía, Anatomía Patolóxica e Ciencias Forenses da USC Julia Melgar Oriol presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese presentada por Diego Alberto Fernández Martínez, que obtivo a cualificación de sobresaínte cum laude. Manuel Ignacio San Andrés Larrea, profesor do Departamento de Farmacoloxía a Complutense de Madrid; María José Díez Liébana, profesora de Farmacoloxía e Ciencias Biomédicas da Universidade de León; Jorge Lago Alvarado, investigador do centro tecnolóxico Anfaco-Cecopesca, e José Manuel Cifuentes Martínez, profesor do Departamento de Anatomía e Produción Animal da USC, que actuou como secretario, completaron o tribunal desta tese.