A USC achega a escolares as claves do urbanismo sustentable e o valor dos recursos naturais no marco do Life Lugo+Biodinámico

Profesores e investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC formaron e informaron a escolares de diversos centros educativos da capital luguesa sobre as claves do urbanismo sustentable e do valor que agochan os recursos naturais existentes na contorna no marco do proxecto europeo LIFE Lugo+Biodinámico.
O labor de sensibilización e concienciación respecto da importancia da conservación medioambiental da súa valorización desenvolveuse durante os últimos meses do pasado ano e o primeiro trimestre de 2019, un período no que diversos profesores da EPS de Enxeñaría da USC visitaron aulas de múltiples centros de primaria na cidade de Lugo para dar a coñecer a nenos e nenas as actividades que se están a desenvolver no proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, unha actuación que recibe fondos da UE e a través das que se pon en valor os recursos naturais dos que dispoñemos, como a madeira, as castañas, as áreas húmidas, a biodiversidade e como se integran a través dun urbanismo sostible na cidade.
As actividades realizadas, nas que tomaron parte máis de 750 alumnos de 1º e 6º de primaria, desenvolvéronse nos colexios de CEIP Albeiros, CEIP As Mercedes, CEIP Illa Verde, CEIP As Gándaras e CEIP Anexa. As temática das intervencións conducidas polos profesores da USC que tomaron parte nesta campaña arredor do LIFE Lugo+Biodinámico, é ampla e incluíu actividades interactivas que diversas que abranguen desde a identificación de zonas húmidas, análise de diferentes follas e flores de árbores, reconto de aneis dos troncos das árbores para avaliar o seu crecemento, estudo e aprendizaxe das características de diferentes tipos de solo a través da súa cor e textura, localización de animais na área húmida localizadas no espazo natural comprendido entre As Gándaras e O Ceao, ou a plantación dun chopo para realizar logo o seguimento do seu crecemento.
O proxecto LIFE Lugo+Biodinámico pertence ao programa LIFE da Unión Europea dedicado ao Medio Ambiente e, nomeadamente, á acción contra o Cambio Climático. Este proxecto, que tamén recibe financiamento da Deputación Provincial de Lugo, está impulsado e coordinado polo Concello de Lugo, que conta coa USC e a Politécnica de Madrid como entidades beneficiarias.
A diversidade das accións realizadas pola USC nos centros educativos da capital luguesa para sensibilizar a escolares sobre a importancia da conservación do medio ambiente e tamén sobre a importancia e valor dos recursos naturais permitiu tamén dar visibilidade ás múltiples actuacións realizadas ao abeiro deste programa europeo. O abano de accións xa executadas co Lugo+Biodinámico contempla intervencións de silvicultura de frondosas autóctonas no medio urbano, unha parcela de cultivos enerxéticos, plantación dun souto con variedades galegas de castiñeiro, a creación dun Arboretum con plantas leñosas autóctonas, a recuperación e posta en valos de bosques de ribeira, a construción en madeira do edificio Impulso Verde, hortos urbanos e unha planificación urbanística da cidade de Lugo con criterios de sustentabilidade.


