A USC achega o teatro á comunidade universitaria do campus lugués cunha sesión aberta o luns 4 de novembro

A Universidade de Santiago de Compostela pretende achegar o teatro a todos os membros da comunidade universitaria do campus lugués cunha sesión aberta que se celebrará o vindeiro luns 4 de novembro, de 18.00 a 20.00 horas, na aula de teatro sita na Facultade de Veterinaria.
O obxectivo desta iniciativa da Aula de Teatro do campus de Lugo é amosar o teatro como unha ferramenta útil para o desenvolvemento persoal, académico e profesional, segundo salientou Paloma Lugilde, coordinadora da Aula de Teatro da USC en Lugo, quen tamén ve o teatro como unha actividade moi positiva para mellorar as relacións persoais e fomentar o asociacionismo entre a comunidade universitaria. Lugilde, que será a encargada de conducir o luns esta clase teatral aberta, indicou que no marco desta sesión todos os participantes poderán facer exercicios de entrenamento do corpo e da voz, ao tempo que tamén se iniciarán no proceso de construción de personaxes. A presenza escénica, confianza, grupo, dramaturxia e, entre outros temas, a propia atmosfera teatral serán cuestións coas que tamén poderán familiarizarse as persoas que participen nesta sesión aberta. A coordinadora da Aula de Teatro e da compañía teatral USC-Lugo sinala que a sesión programada para o vindeiro luns está aberta á participación de todos os membros da comunidade universitaria, incluso para aqueles que se acheguen por vez primeira ao mundo do teatro e non teñan ningún tipo de experiencia. Paloma Lugilde, que tamén ve nesta sesión unha boa oportunidade para perder o medo ao mundo escénico, indicou que as persoas que se sintan atraídas pola arte dramática nesta clase aberta, poderán logo ampliar e mellorar a súa formación teatral nos distintos talleres de arte dramática que organiza a Universidade de Santiago no campus de Lugo e cuxo prazo de matrícula aínda permanece aberto. A formación de grupos de teatro independentes ou a incorporación de novos actores e novas actrices á Compañía de Teatro USC-Lugo son outras das alternativas que se lles presentan aos membros da comunidade universitaria do campus que queiran adentrarse no mundo do teatro, segundo lembra Lugilde.