Ir o contido principal

A USC achega unha visión multidisciplinar da COVID-19

Imaxe representativa dun virus
Imaxe representativa dun virus
O catedrático de Medicina e Saúde Pública Juan Gestal abre este martes, ás 18.00 horas, un ciclo de videoconferencias promovido polo Campus da Cidadanía da USC e no que diversos expertos abordarán o virus causante da pandemia desde distintas ópticas
Lugo, Santiago de Compostela

A USC achega unha visión multidisciplinar da COVID-19 a través dun ciclo de videoconferencias, promovido polo Campus da Cidadanía e que poderá seguirse por Microsoft Teams, que comeza este martes, a partir das 18.00 horas, cun relatorio a cargo do catedrático de Medicina e Saúde Pública Juan Jesús Gestal baixo o título  ‘Regreso á normalidade trala pandemia de Covid-19’. Ao remate da súa exposición, Juan Gestal participará nun coloquio aberto con todas as persoas participantes.

A análise interdisciplinar da nova realidade que está a deparar a pandemia provocada pola COVID-19 é o obxectivo da iniciativa de divulgación e debate lanzada desde o Campus da Cidadanía da USC e na que participarán como relatores unha serie de expertos e expertas que ofrecerán a súa visión e análise crítica da situación actual, presentando as principais claves para entender este novo contexto que estamos a vivir.

Neste senso, o ciclo de videoconferencias continuará o xoves 16, á mesma hora, co relatorio ‘Xestión de crises, Covid-19 e profetas do pasado, a cargo de Antón Losada. A tamén profesora da USC Rosa Crujeiras dará continuidade o martes 21 a este programa cunha charla que leva por título ‘A COVID-19 nunha ollada estatística: como buscamos pitonisos para quedarmos tranquilos’. A última das sesións xa pechadas é a que terá como protagonistas o vindeiro xoves 23 de abril a Carlos Pereira Dopazo e a Mª Isabel Bandín Matos, que tratarán o potencial epidémico do virus COVID-19.

Alén das temáticas expostas por cada relator, as sesións previstas permitirán asemade abordar os efectos que eta crise pode ter no futuro, aludindo aos distintos escenarios que se abren e ás súas consecuencias en diversos eidos: educación, cultura, economía, sistema de saúde, relacións sociais, política, bioseguridade, etc.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.04.2020.