Ir o contido principal

A USC acolle desde o 13 de abril o Plan para a Mocidade de Seguridade Vial de Michelín

A Universidade de Santiago de Compostela acollerá do 13 ao 16 de abril o Plan para a Mocidade de Seguridade Vial de Michelín, un proxecto co que a compañía de pneumáticos pretende fomentar a educación vial entre os universitarios. O reitor da USC, Juan Viaño Rey; o alcalde da cidade, Agustín Hernández; e o director de Comunicación e RSC de Michelín, Félix Sanchidrián, inaugurarán o evento o luns 13 ás 12.00 horas na Praza Rodríguez Cadarso, onde se instalarán carpas con diferentes actividades como un test de condución, un simulador de tombo dun vehículo, gafas de simulación de consumo de alcohol, xogo do trivial, condución nunha pista de scalextric e xogos para aplicacións en dispositivos móbiles. As carpas permanecerán abertas entre as 10 e as 18.00 horas.

Entre todos os estudantes que participen realizarase un sorteo do custe da matrícula universitaria deste curso (cun máximo de 2.000 euros). Este sorteo será ante notario a finais de maio entre o alumnado participante das Universidades de Santiago, Vigo, País Vasco e Zaragoza, onde tamén terá lugar esta actividade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2015.