Ir o contido principal

A USC acolle o XV Encontro Estatal e VI Galego de Programas Universitarios para Maiores

O encontro inaugurouse en Ciencias da Educación
O encontro inaugurouse en Ciencias da Educación

O XV Encontro Estatal e VI Galego de Programas Universitarios para Maiores deu comezo na tarde deste luns en Ciencias da Educación coa participación de 200 persoas de 40 universidades españolas, que ata este mércores porán en común experiencias e investigacións dos programas universitarios pensados para o colectivo de poboación que supera os 50 anos. O escritor e xornalista Manuel Rivas foi o encargado de inaugurar a xornada.

A USC acolle este encontro, que cada dous anos organiza a AEPUM, a entidade na que están asociados a maioría dos programas universitarios para maiores das universidades españolas. Como desvela a directora do IV Ciclo da USC e presidenta do comité organizador do dobre encontro, Esther Olveira, “en Galicia estamos traballando para facer unha rede galega de programas universitarios de maiores” para a que agarda que esta xuntanza supoña un impulso. Ademais, tratarase a participación social directa da parte máis numerosa da cidadanía, como é a poboación adulta.

Olveira destaca tamén como punto importante os cambios de perfís que se deron nas universidades, “o que entronca coa educación permanente, que é hoxe unha razón de ser máis das universidades” e que enlaza co lema do encontro, 'Os programas universitarios para maiores como elemento estratéxico na formación para toda a vida’ . “Pénsese que a parte da poboación que ten entre 50 (idade dende a que xa se pode cursar o IV ciclo na USC) e 65 anos teñen aínda 15 de vida activa laboral. Así, esta formación pode ter un recoñecemento profesional".

A xuntanza continúa este martes coa intervención de José Arnay Puerta, primeiro presidente da Asociación Estatal de Programas Universitarios para Maiores (AEPUM), e dúas mesas redondas sobre a internacionalización como estratexia de formación e innovación nos PUM e o valor destes programas como activos sociais.

A xornada do mércores contará cun relatorio de Luis Espada Recarey, ex reitor da Universidade de Vigo, sobre vocación académica e lonxevidade e coa entrega do premio de investigación AEPUM 2016 ao traballo ‘A implicación en actividades educativas formais na vellez e a súa relación con indicadores psicolóxicos e sociais: unha análise con estudantes da aula da experiencia da Universidade de Huelva’ de Susana Menéndez Álvarez-Dardet (Universidade de Huelva) e D. J. Pérez Padilla (Universidade de Xaén).

O escritor Manuel Rivas pronunciou a conferencia inaugural O grupo de danza do IV Ciclo actuou para os asistentes ao encontro Os asistentes participan estes días en numerosas actividades

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2017.