A USC acondicionará as Vivendas dos Catedráticos co apoio da Consellaría de Vivenda e Solo
A USC e a Consellaría de Vivenda e Solo acaban de asinar un convenio de colaboración polo que a administración autonómica financiará as obras de acondicionamento das fachadas das Vivendas dos Catedrático, edificio emprazado no Campus Sur. O documento asinárono este venres o reitor compostelán, Senén Barro, e a conselleira Teresa Táboas.
A intervención arquitectónica prevista pretende dar unha solución construtiva ao deterioro exterior do edificio, aplicándolle un sistema de illamento térmico mediante placas superpostas sobre as fachadas cunha pasta protectora armada.
Ademais, impermeabilizaranse os balcóns, cambiando o seu pavimento e substituíndo as actuais barandillas por outras de aluminio con antepeitos de vidro de seguridade. Na mesma intervención pintarase a carpintería exterior de madeira do edificio aproveitando a instalación da andamiaxe.