A USC acorda coa Universidade Autónoma do estado de México o intercambio de estudantes, docentes e persoal investigador

As Universidades de Santiago de Compostela e Autónoma do Estado de México acaban de sentar as bases para o intercambio de estudantado e de persoal docente e investigador. Este acordo enmárcase nun protocolo de colaboración entre ambas institucións co obxecto de promover o desenvolvemento e difusión da cultura e, especialmente, da ensinanza superior de grao e posgrao e a investigación científica e tecnolóxica. A sinatura dos acordos tivo lugar este mércores no marco dunha visita institucional á USC dunha delegación da Universidade mexicana encabezada polo pro reitor Benjamín Bernal e a secretaria de Cooperación Internacional, Yolanda Ballesteros. Na reitoría compostelá foron recibidos polo reitor Juan Viaño. A colaboración universitaria ampliarase proximamente noutros ámbitos de actuación como a formación de docentes e persoal investigador, o intercambio de documentación e información, a realización de cursos de grao e posgrao ou publicacións e proxectos científicos. Juan Viaño recibiu no seu despacho reitoral á delegación da Universidade Autónoma do Estado de México (Foto: SERVIMAV-USC)