A USC actualiza o seu convenio co Ateneo de Santiago para propiciar un maior achegamento da Universidade á sociedade

Na procura de propiciar un maior achegamento da institución universitaria compostelá á sociedade, o reitor Antonio López e o presidente do Ateneo de Santiago, Salvador García-Bodaño, asinaron este martes un convenio de colaboración. Este documento renova o acordo previo asinado en 2011 por ambas as dúas entidades. O acordo establece que a USC facilitará a divulgación das actividades desenvolvidas polo Ateneo de Santiago entre o conxunto da comunidade universitaria. Asemade, a USC poderá ceder ao Ateneo de Santiago, en uso temporal, distintos locais universitarios dentro das súas dispoñibilidades.
O Ateneo de Santiago, na súa tarefa divulgativa da ciencia, a investigación e a cultura, comprométese a facilitar aos membros da comunidade universitaria o acceso a todas as actividades que organice e a obtención da condición de socio, sen outro custo distinto da cota mensual ordinaria. Igualmente, na súa oferta de actividades, primará a presenza de persoal docente e investigador da USC para pór en valor na sociedade o enorme potencial de saber e coñecemento que atesoura a Institución.
Xardín botánico
As partes comprométense a levar a cabo a promoción conxunta do Xardín Botánico de Santiago como equipamento cidadán, co obxecto de que poida compartir actuacións no eido da educación e investigación universitaria, e a súa utilización e uso como espazo de lecer e de formación medioambiental da cidadanía de Santiago.
Finalmente, ambas as dúas partes comprométense a impulsar a organización conxunta de actividades de distintos tipos e formatos nos eidos cultural, científico ou educativo, así como a edición de publicacións e informacións que propicien a divulgación do saber e o coñecemento entre a cidadanía de Santiago.
Comisión se seguimento
Unha comisión de seguimento integrada pola vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo, e o vicepresidente da Xunta Directiva do Ateneo, Manuel López-Rivadulla Lamas, resolverá as posibles controversias que xurdan, sendo, ademais, os seus membros os interlocutores para o desenvolvemento das actividades obxecto do convenio cuxa duración será de catro anos.
Ambas as dúas partes comprométense a impulsar a organización conxunta de actividades de distintos tipos e formatos nos eidos cultural, científico ou educativo