A USC actualiza o regulamento para o profesorado emérito e ad honorem
Logo da súa aprobación polo Consello de Goberno, a USC acaba de adaptar a normativa que regula a figura do profesorado emérito aos Estatutos universitarios así como á conxuntura económica actual. Poderá ser emérito/a o profesorado doutor que teña destacado polos seus méritos docentes e investigadores, cunha idade entre 65 e 75 anos, que prestara servizo activo na universidade pública durante un mínimo de 30 anos (20 ou máis destes na USC) e ter recoñecido como mínimo un número de tramos de investigación avaliados positivamente que o sitúe no cuartil superior da súa área de coñecemento. Ademais, quen aspira á condición de emérito/a deberá cumprir con algunha das seguintes condicións nos últimos oito anos: ter sido investigador principal dun proxecto dotado con financiamento externo en convocatorias de concorrencia competitiva, ter dirixido ou codirixido como mínimo unha tese lida durante ese mesmo período, ter recoñecidos un mínimo de seis tramos de actividade docente ou ter feito unha achega académica, científica ou artística de extraordinario relevo. O número de prazas ofertadas por esta modalidade, non poderá superar o 15% do profesorado con vinculación permanente á USC e dedicación a tempo completo que se tivera xubilado no curso académico anterior. O nomeamento será dun curso académico, prorrogable anualmente ata completar un máximo de cinco. A condición de emérito será vitalicia para os efectos honoríficos e non derivará retribución ningunha nin dereito a indemnización. O profesorado nestas condicións poderá colaborar na dirección de tarefas de investigación, na docencia de posgrao ata un máximo de 90 horas lectivas e formar parte dos tribunais de tese e das comisións de avaliación dos traballos fin e grao. Ad honorem Na mesma sesión do Consello de Goberno aprobouse tamén o regulamento das figuras honoríficas de profesor/a e investigador/a ad honorem entre aquelas persoas que gocen dun relevante prestixio profesional no seu campo e teñan feita unha achega importante á institución universitaria. A súa designación terá carácter vitalicio pero a autorización da actividade na Universidade e os dereitos asociados limitaranse ao período dun curso académico prorrogable anualmente. O/a docente e investigador/a ad honorem deberá ter menos de 75 anos. O profesorado ad honorem colaborará na impartición dun máximo de dez horas lectivas por curso académico e no caso de investigadores/as en actividades de asesoramento e investigación, incluídos contratos, convenios ou proxectos sen que a súa dedicación presencial sexa superior a catro horas á semana ou o seu equivalente anual. Disporán de conta de correo electrónico e de acceso aos servizos en rede da universidade.