A USC adapta a súa dinámica de traballo para xestionar en liña os seus proxectos internacionais

Os proxectos internacionais de cooperación entre universidades que a USC xestiona a través do Servizo de Relacións Exteriores (SRE) estanse a desenvolver en base a unha nova dinámica de traballo en liña, adaptada á situación actual, que permite operar con normalidade para poder seguir executando todas as accións definidas en cada unha das iniciativas dunha forma operativa. Un gran número de proxectos atópanse neste momento na súa fase inicial, xa que se aprobaron na última convocatoria do programa Erasmus+ e foron postos en marcha oficialmente entre novembro de 2019 e xaneiro de 2020.
Tres destas iniciativas, EKT (innovación educativa), ELBA (capacitación en `Big Data’) e SDGs (comunicación sobre desenvolvemento sostible) están a ser coordinados pola USC, mentres que no resto de proxectos que se xestionan dende Vicerreitoría de Estudantes e Proxección Internacional a institución compostelá participa en calidade de socia. En total a institución compostelá participa en once novos proxectos que abranguen diferentes eidos como ferramentas para a aprendizaxe de linguas estranxeiras, capacitación en diferentes ámbitos tecnolóxicos, innovación educativa, comunicación sostible ou desenvolvemento rural.
Durante o primeiro trimestre de 2020 tiveron lugar as reunións de posta en marcha dos proxectos EKT, ELBA e SDGs, que puideron celebrarse de forma presencial, acollendo en Santiago aos respectivos membros de cada consorcio. No caso de MIETC, previsto para os días 12 e 13 de marzo, a reunión de posta en marcha celebrouse xa de xeito virtual.
Dinámica de traballo dixital
“A xestión de proxectos de cooperación entre universidades é un dos principais labores levados a cabo polo Servicio de Relacións Exteriores, xa que a USC ocupa o terceiro posto en Europa neste ámbito. Estamos adaptando a dinámica de traballo á nova situación para seguir desenvolvendo todas as iniciativas nas que estamos a traballar de forma operativa e resolutiva”, sinala o vicerreitor de Estudantes e Proxección Internacional, Víctor Arce.
Dende que se ditou o confinamento e o peche das instalacións da USC, os proxectos veñen seguindo o seu curso, desenvolvendo as accións e directrices de actuación refrendadas nas reunións de posta en marcha. “Durante este período estanse a xestionar os acordos entre socios, a distribución dos fondos e a execución das primeiras actuacións. Coa finalidade de axilizar os proceso estase empregando a firma dixital para asinar a documentación en casos nos que habitualmente se facía uso da firma convencional”, engade Arce.
Xestión en liña
Na execución dos proxectos, as actuacións que implican actividades de análise e planificación académica poden efectuarse do mesmo xeito que anteriormente. No caso da organización de actividades divulgativas ou formativas que requiren participación presencial é diferente, tanto nos proxectos coordinados como nos que a USC participa como socia. Neste sentido, no marco de cada iniciativa en concreto propúxose pospoñer a actividade na maioría dos casos, con datas aínda sen concretar, ou a posibilidade de celebrar algunha desas actividades en liña, sempre e cando esta dinámica permita cumprir cos obxectivos fixados na actividade específica do proxecto.
No tocante á xestión técnica e administrativa son habituais as reunións a través de diferentes plataformas de vídeo conferencia e, sobre todo, téñense empregado de forma máis asidua nalgúns proxectos, como é o caso de DLT4All (que ten como obxectivo creación dun programa de ensino superior en tecnoloxías blockchain,) no que existía un plan de reunións virtuais mensuais. Na medida do posible, dentro de cada consorcio estase a prever a mellor adecuación posible coa finalidade de non de alterar a consecución dos obxectivos previstos, avanzando noutras actuacións con total posibilidade de execución en liña.