Ir o contido principal

USC e ADOS reforzan a súa colaboración para incrementar as doazóns de sangue entre a comunidade universitaria

A campaña de doazón nos campus galegos realízase desde 1993. FOTO: Santi Alvite
A campaña de doazón nos campus galegos realízase desde 1993. FOTO: Santi Alvite
Durante o pasado curso, rexistráronse 4.453 doazóns nas universidades galegas, 400 máis que o ano académico anterior, grazas ás unidades móbiles que se achegan aos centros universitarios
Lugo, Santiago de Compostela

USC e Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) manteñen un ano máis a súa colaboración e realizan un chamamento a toda a comunidade universitaria dos campus de Santiago e Lugo para que se sumen á campaña especial de doazón de sangue. Esta actividade desenvolverase en dúas fases: dende outubro ata decembro de 2023 e de febreiro a abril de 2024. Deste xeito, as unidades móbiles achegaranse aos centros universitarios para facilitar o acto da doazón.

Así, a unidade móbil de ADOS sitúase este xoves 5 nas facultades de Enfermaría e Ciencias da Educación e o vindeiro martes 10 atoparase en Ciencias da Comunicación. Os lugares e datas iranse actualizando, semana a semana, na páxina web da Axencia. Ademais, a Rede Española de Universidades Promotoras da Saúde (REUPS) organiza novamente o Outono Saudable co obxectivo de acadar as 10.000 doazóns de sangue nas universidades durante o mes de outubro.

“Para xestionar o sistema sanitario precisamos infraestruturas, profesionais, tecnoloxía e tratamentos para os enfermos, e, tamén en moitas ocasións, persoas que doan sangue, un colectivo que ten un papel imprescindible e vital no desenvolvemento da actividade sanitaria”, sinalan dende ADOS. “Despois de loitar contra a pandemia da COVID-19, debemos impulsar a actividade asistencial ordinaria dos hospitais, por iso precisamos recuperar a participación que existía antes da pandemia”, engaden.

A campaña de doazón nos campus galegos realízase desde 1993, en base a acordos de colaboración asinados coas tres universidades. No ano 2021 deuse un paso máis, formalizouse un convenio de colaboración entre ADOS e cada unha das universidades, cuxo obxecto é a planificación e desenvolvemento das campañas de fomento de doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos no ámbito da universidade. Así, durante o pasado curso rexistráronse 4.453 doazóns nas universidades galegas, 400 máis que o curso precedente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2023.